O Grove convida a degustar o mellor marisco das Rías Baixas

Un grupo de persoas, na inauguración da Festa do Marisco do Grove. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O alcalde do Grove, xunto con varios membros da Corporación municipal, representantes de Abanca e membros do Consello local de Turismo inaguraron onte a LIX Festa do Marisco. Cacabelos agradeceu “a todos os traballadores e traballadoras, ademais de entidades colaboradoras, o seu esforzo para conseguir que este evento siga sendo un referente gastronómico en toda Galicia”

O Concello do Grove vén de inaugurar a edición número 59 do seu evento máis representativo e que ten a distinción de Interese Turístico Nacional, a Festa do Marisco.

Na xornada inicial celebrouse o acto de inauguración no que participou o alcalde, José Antonio Cacabelos, xunto con varios membros da Corporación municipal, representantes de Abanca e membros do Consello Local de Turismo na Carpa Degustación. O rexedor local amosouse moi satisfeito do regreso da cita gastronómica xa sen restricións. “É unha ledicia poder volver a celebrar a Festa do Marisco con total normalidade, despois destes anos de pandemia”, manifestou Cacabelos.

Inauguración da Festa do Marisco do Grove. DP


O rexedor fixo fincapé en “agradecer a todos os traballadores e traballadoras, ademais de entidades colaboradoras, o seu esforzo para conseguir que este evento siga sendo un referente gastronómico tanto en Galicia como a nivel nacional”. Finalmente, o dirixente do Grove quixo invitar a “todos e todas, veciñanza e visitantes, a vir gozar da Festa do Marisco, que durante 14 días encherá a vila do Grove da mellor gastronomía e música para todos os gustos e franxas de idade”.

 

Un dos traballadores dos postos da Festa do Marisco do Grove. JOSÉ LUIZ OUBIÑA.

Trala apertura oficial e a venda das primeiras racións dos produtos da ría, a agrupación Buxa actuou na Carpa de concertos.

O horario de apertura da carpa é: de luns a xoves as caixas abren de 12 a 16.30 h e de 19 a 22.30 h, mentres que os venres, as caixas abren de 11.30 a 17 h  e de 19 a 23 h. Os postos de marisco pechan media hora despois das caixas.