O Consello da Xunta aproba a declaración BIC da zona arqueolóxica de Adro Vello, no Grove

Adro Vello en O Grove. DS
A Consellería de Cultura culmina así o procedemento fundamentado no interese deste conxunto como recurso científico e cultural e na súa importancia histórica e arqueolóxica

O Goberno autonómico culmina así o procedemento iniciado en 2021 para declarar BIC esta zona situada no bordo da praia do Carreiro, na parroquia de San Vicente do Mar. Fundaméntase no seu interese científico e cultural, así como na súa importancia histórica e arqueolóxica, que o configuran como un dos bens arqueolóxicos máis sobranceiros da Comunidade galega. 

Nesta liña, o decreto aprobado este xoves e que se publicará posteriormente no Diario Oficial de Galicia establece que a zona arqueolóxica de Adro Vello constitúe un fito de importancia clave para comprender o pasado e presente da comarca do Salnés. Así, a súa longa secuencia de ocupación e a variada tipoloxía de restos, que van desde unha factoría de salgadura e unha vila romana ata un sistema defensivo, unha igrexa, restos de cerámica ou unha necrópole de inhumación con ata dez niveis, avalan o potencial de Adro Vello como un recurso de primeira magnitude e nunha das zonas arqueolóxicas máis importantes do noroeste peninsular. 

A declaración impulsada pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades recolle tamén que o xacemento reúne as características necesarias como zona arqueolóxica debido ao seu carácter sobranceiro e valor singular. 

Co Adro Vello xa son oito os bens de interese cultural declarados este ano, o que reflicte o importante compromiso do Goberno galego por protexer, conservar e poñer en valor o patrimonio sobranceiro da Comunidade. Así o demostran tamén os 106 novos bens declarados desde a entrada en vigor da Lei de patrimonio cultural de 2016, unha cifra que na actualidade ascende a un total de 779 bens de interese cultural en Galicia. 

Delimitación e contorno

Tanto a delimitación coma o contorno de protección determinouse seguindo unha serie de criterios que permitisen unha preservación efectiva dos restos, atendendo á probable extensión destes e á morfoloxía do terreo. Para iso, procurouse seguir os límites actuais do catastro e a morfoloxía do propio terreo e integrouse tamén parte da praia tendo en conta a aparición constante de restos arqueolóxicos. 

Ademais, no contorno de protección están integrados todos aqueles elementos arqueolóxicos, arquitectónicos e etnográficos próximos ao xacemento que foron localizados ou recuperados desde a época romana ata a actualidade co obxectivo de preservar os espazos cuxa afección pode estar vencellada á comprensión dos valores culturais, de estudo ou de apreciación deste xacemento.

Restos de época romana e altomedieval

A zona arqueolóxica de Adro Vello presenta numerosos restos de época romana e altomedieval de grande interese arqueolóxico, científico e cultural. Concretamente, os restos existentes inclúen desde unha factoría, ata unha área de explotación de recursos mariños, unha necrópole, unha igrexa ou un conxunto defensivo baixomedieval (torre e cerca) e unha ara dedicada á deidade local Deverius.

Ademais da importancia para o estudo da época romana, esta zona tamén supón un punto estratéxico da tradición xacobea que foi obxecto de varias actuacións arqueolóxicas de escavación entre 1983 a 1990, baixo a dirección de José Carro Otero. Durante este ano, a Xunta, coa colaboración da Universidade de Vigo, desenvolveu unha campaña para ampliar o coñecemento sobre este espazo cuxos primeiros resultados amosan un xacemento moi rico onde se visualizan 18 séculos da historia de Galicia.