"Noriega Varela era un home coas súas debilidades, como outros"

Cinco anos despois de gañar o Premio Lueiro Rey, Lionel Rexes acada de novo ese galardón. Nesta ocasión, co libro titulado ‘‘A montaña do poeta’. E nos dous casos (o anterior foi en 2016), presentando tramas literarias que teñen como escenarios os concellos da Mariña luguesa
Lionel Rexes Martínez. CEDIDA
photo_camera Lionel Rexes Martínez. CEDIDA

LIONEL REXES MARTÍNEZ (París, 1971) recibirá o premio Manuel Lueiro Rey, na súa vixesimoséptima edición, nun acto que se celebrará o día 15 na Casa de Cultura do Grove (12.00 horas), cinco anos despois de facerse merecedor do mesmo galardón, que convoca o Concello. Reside en Alfoz (Lugo), é licenciado en Maxisterio pola Universidade Autónoma de Madrid e impulsor da bitácora Vasoiras da Xibarda.

Cal é a orixe de A montaña do poeta?
Hai xa anos descubrín que hai unha construción en Alfoz, onde eu vivo, moi vinculada ao poeta Noriega Varela. Un investigador díxome que alí, naquela construción, hoxe ruinosa, vivían dúas mulleres que despois descubrín que se dedicaban á prostitución e practicaban abortos. Noriega Varela era un cliente desas mulleres, que eran alcumadas As Mirixas. Deuse a casualidade de que, un tempo despois, recuperei alí un ciclomotor roubado, que fora da miña propiedade e xa dera a outra persoa.

O acontecer diario conecta sucesos rexistrados no pasado co presente.
Pareceume que eran moitas concomitancias. Aquí pode haber un argumento, pensei, pero hai un problema: estamos falando da época de Noriega Varela, que morreu hai 75 anos, e quería vincular todo isto coa actualidade.

Cal é o fío argumental para establecer o relato?
Fíxeno tratando o tema dos presos de conciencia, daquelas persoas que acaban no cárcere non por cometer un delito común, senón de tipo ideolóxico. Naquela época saíron á actualidade os últimos soberanistas que gardaban explosivos nos montes, e escollín un personaxe, un rapaz moi novo. Mesturei todo e así saíu A montaña do poeta. O título fai referencia ao alcume que lle daban a Noriega Varela, que é coñecido como O poeta da montaña.

Noriega Varela é una figura central desde traballo?
Esa novela pode haber tres ou catro anos que a escribín. Non estaba a gusto co resultado e dinlle varias voltas. Unha das fundamentais foi a raíz de descubrir o nome de Noriega Varela. Quería facer alusión ao poeta e ocultar quen era, pero na revisión final pareceume que podía establecer unha conexión co pasado, que era o que buscaba. Porque mencionalo, xa que non era unha invención. Era real.

Neste libro aborda aspectos da súa biografía que poden xerar controversias.
Era un ser humano coas súas debilidades, como calquera outro. É algo que, seguramente, daquela non se falaba, xa que morreu en 1947. Estamos afeitos a ter que considerar que todos aqueles literatos vivían nunha torre de marfil, como dicía Rubén Darío, cando eran seres humanos como calquera outros. Eu tiven a fortuna de que alguén me revelou este dato, que outras persoas tamén coñecían. Achega algo a calquera estudoso da súa figura.

Cal foi a reacción?
Na presentación que fixen en Alfoz levei a un descendente de Noriega Varela (Pepe Noriega) e dixo que hai moita escuridade ao redor da súa figura. Un dato que nos revelou é que tiña un medio irmán que acabou vivindo en Alfoz, e que ten descendentes na parroquia de Lagoa, onde está a casa das Mirixas. Moitos quedaron estupefactos. Dixo que a familia quixo ocultalo e que os seus antecesores tiveran fillos fóra do matrimonio. Hoxe son datos históricos de quen deixou un legado cultural importante.

Outro apartado que está moi presente e o despoboamento progresivo do medio rural.
Tentei facer un argumento no que toda esa xente nova, ou de mediada idade, que continúa vivindo no rural ten que facer verdadeiros equilibrios. Onde o despoboamento é acusado e ten que buscar o seu ámbito social, e na novela fica moi claro que quedan nun ámbito de amizades formado por anciáns. Hai algo positivo, que é a aprendizaxe: un dos personaxes principais adquire moitos coñecementos grazas a un ancián que viviu toda a vida na aldea. Tamén quero desmitificar outra cuestión: cremos que son todos dun nivel formativo moi baixo, cando hoxe en día hai profesores xubilados. Grazas iso, moitos novos adquiren coñecementos.

Na Raíña das velutinas tamén parte dun feito real: un xantar na Casa da Penela, en Mondoñedo, relacionado coa historia da guerrilla na Mariña, no que participa un garda civil.
Para min, a semente literaria sempre xorde de algo real. É o chispazo. A partir de aí vou creando varias tramas. Eu quero que as miñas novelas non se compoñan dunha, senon que teñan unha trama en una subtrama entrelazadas.

Comentarios