VIDA SALNÉS

Montse Betanzos: “No Grove somos combativos e resignados ao mesmo tempo”

Collareira de profesión, Betanzos fai un repaso pola súa carreira, pola xente do Grove e a visión que teñen do seu oficio
photo_camera Montse Betanzos. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
A miña historia
Son do Grove. Alí hai un oficio tradicional, con dous séculos de tradición, que é a arte das colareiras. Consiste en apañar cunchas que se engarzan para elaborar todo tipo de bixutería e xoiería. Nós vamos ás mesmas praias da miña avoa. Neste oficio de colareira primeiro está a recolección porque nós proveemos a nosa materia prima para transformala. Despois o proceso de secado, lavado, hidratación das cunchas nalgúns casos, noutros o pintado. E logo ven o deseño e o engarce. Os procesos fanse sempre ao mesmo tempo. Tradicionalmente isto vendíase como un souvenir, non coa intención dun ornamento persoal feminino. Eu deille outra visión. 

E isto venche de familia?
Isto ven de pequena, como tantas rapazas no Grove que nacían no medio das cunchas e dos colares. En case todas as casas do Grove había colareiras. Nuns casos os colares trocábanse por produtos de alimentación. No caso da miña avoa viñan mulleres comprar os colares e elas vendíanllos a unha fábrica chamada Nacamar. Na miña casa facíase iso e tamén miña avoa ía entregar os colares a unha tenda onde lle subministraban teas para elaborar sabas, cortinas, fundas de almofadas... porque a miña avoa no verán daba habitacións. Non había daquela hoteis no Grove pero si había moitas casas privadas que acollían aos turistas. Entón ela investía os colares dese xeito e as súas fillas, miña nai e as súas dúas irmás facían colares para ir vendelos á Toxa. Eu funme criando no medio desde facer. No caso da miña nai, meus pais emigraron a Alemania, entón aí houbo unha interrupción no oficio pero cando voltou definitivamente para o Grove, ao cabo de oito anos, de 1970-78, xa se meteu de cheo ao oficio e ata o día de hoxe.  

E túa nai sigue en activo?
Está xubilada e xa non ven vender ás feiras, pero no taller sigue traballando e a produción depende moitísimo dela.

Ti es a terceira xeración?
A terceira. Pero hai pouco souben que era a cuarta xeración porque a miña bisavoa materna (que tiña por oficio atadora, cosía as redes), seica empezara cos colares aínda que non era o oficio que constaba como principal. 

Un oficio mal visto?
O tema dos colares de cunchas é un oficio que no Grove sempre estivo desprezado polas propias colareiras e pola xente. Era un oficio que ninguén facía con gusto e tampouco querían que as fillas o fixeran. 

Por que?
Se cadra porque pensaban que eran mulleres sen formación, que estaban na rúa vendendo. Un desprezo social. Tamén é certo que moitas se vían obrigadas a traballar os colares para saír da fame, naqueles anos. Pero se saíchedes da fame e aportáchedes tanta economía nas vosas casas... Habería que estar agradecidas á profesión. Pero nunca foi así. 

E na túa casa?
Na miña casa nunca se desprezou o oficio porque era unha fonte económica moi importante, tanto como o que facían os homes. Meu avó era mariñeiro, meu pai era ebanista. E ademais tanto meu avó como meu pai sempre aportaron, axudando a traer as cunchas, na recolección ou na selección. Eu vivino como un oficio principal na casa. Cando cumpro 14 anos, a miña nai sácame o permiso para vender no Concello. A intención é que fora vender no verán en vez de meterme na hostalería ou noutras cousas. Obrigóuseme ir á Toxa, cousa que eu detestaba. E foron transcorrendo así os veráns ata que cumpro 18 anos e entro na Universidade de Vigo, fago a carreira de relacións laborais e xa me esquezo do que é ser colareira. Termino a carreira entro a traballar en varias empresas. Teño unha meniña, sigo convivindo coa miña nai, vexo a súa vida e compároa coa miña. Doume conta de que estou moi limitada no tempo para a cría. E vía a miña nai que tiña tempo de levar a neta ao parque, gozar dela, gañaba máis cartos ca min, non estaba sometida a ninguén, xestionaba o tempo como quería. Eu púñame con ela e todo era creatividade. 

E decides cambiar de vida logo, volvendo ás orixes?
Ocorréuseme que podía darlle outra orientación ao produto, vendelo noutros mercados, non sempre na Toxa e como un souvenir. Porque ademais a miña nai facía un produto de calidade que eu mesma usaba. E cando intento pedir a acreditación da Xunta, primeiro recibo desprezo: “Ah, colareiras! Esas mulleres que andan na Toxa cos colares, ti es desas?” E eu dixen: “Son”. Dixéronme que non se podía dar Carta de Artesano porque non había antecedentes e a lexislación dicía que tiñas que estar baixo un mestre artesán e acreditar as horas de aprendizaxe. Pero a miña aprendizaxe fora na casa. Pedín axuda no Concello do Grove e daquela estaba como concelleiro de Cultura Antón Mascato e el orientoume. Na Lei de Artesanía de Galicia dicíase que unha persoa que exercera un oficio tradicional que se identificara cun territorio podía pedir a Carta de Artesanía e foi por aí por onde a obtiven, coa axuda de Mascato, e do alcalde daquela época Miguel Pérez. Coa Carta xa pido a marca Artesanía de Galicia, rexistro o taller como artesá da bixutería, entre parénteses colareira, e na Xunta xa me van orientando das feiras e empezo por Galicia e xa por toda España e mesmo dúas veces en Italia e París e Portugal, ata o día de hoxe. 

Que aportas co teu traballo?
O que eu aportei á profesión é o deseño porque me fun formando e ao saír fora, e ao estar en contacto con outros artesáns doutras disciplinas incorporas outros coñecementos. O público quizás sexa o que máis aporta. Cando compra e dache puntos de vista da comodidade, do peso, das cores. E do que máis orgullosa estou, é de sacar o oficio que sempre estivo encerrado no Grove, sacalo fóra e dalo a coñecer. Entón a miña aportación é a ampliación do oficio, poñelo en valor e que a xente o coñeza. 

Manos de Montse Betanzos para Vida Salnés. JOSÉ LUIZ OUBIÑA 
Manos de Montse Betanzos. JOSÉ LUIZ OUBIÑA 

Custouche pero seica co tempo a xente da túa vila aprendeu a apreciar o que fas. Como é a xente do Grove?
Entre nós somos algo malos. Non é que sexamos malas persoas, pero creo que non temos a capacidade de apreciar o que fai o noso veciño ou querer a mellora dese veciño ou eloxialo. Daquela necesitamos que alguén de fóra veña a dicirnos que é bo, que é excelente, que é precioso, e a partir de aí cambia a visión nosa. Tamén somos combativos á hora de reaccionar fronte aos embates da vida e ao mesmo tempo somos resignados. Digamos que non queremos saír da nosa zona de confort.

Pero ti es un exemplo de todo o contrario, non?
Eu son un exemplo do contrario. Cando retomei esta profesión eu estaba traballando nunha empresa de transportes, estaba fixa. Cando o plantexei na casa, miña nai non o vía moi claro. O meu home dicíame que necesitabamos os dous sueldos. E eu díxenlle: “Mira Jorgiño, a mellor proba de amor que me podes facer é apoiarme con todas as condicións. E así foi. Díxome: “Veña, tira para adiante que se non comemos ternera comemos mortadela” 

E como vivíu a túa filla toda esta aventura?
A Carla criámola como me criaron a min, no medio das cunchas. Nos veráns eu sempre a levei a vender. Sempre a orientamos de forma que se algun día tivera que botar man desta profesión que o puidera facer sen ter que empezar de cero. Agora mesmo estuda enxeñería química e é o que a apasiona.  

En que te pareces a unha rapaza do Grove chamada Montse Betanzos?
O que temos en común é a inquietude de buscar cousas que nos satisfagan e nos fagan felices, e o orgullo do noso. Eu sempre fun criada co orgullo do que se facía na casa, dos cartos que se aportaban polo traballo do meu pai e da miña nai, como iguais.

E o machismo?
O do machismo e o do home que se desinteresa do traballo da muller eu nunca o vivín nin cos meus avós. Meu avó era mariñeiro, miña avoa era mariscadora pero cando entraba xente na casa no verán, o meu avó peláballe as patacas. Se tiña que tender as sabas na herba para solear tamén llas tendía. Non se pode mirar a túa parella e xustificalo dicindo “el é un home”. Non, el é o meu compañeiro de vida e compartimos a vida a partes iguais. 

TEST DE VIDA

Unha palabra?
Familia.
Un lugar?
O Grove.
Unha persoa?
O meu home, Jorge.
Unha personaxe?
Unha muller da que me falou Antón Mascato, que é do Grove e foi militante no Partido Galeguista: Pura Rodríguez Devesa. 
Alguén importante?
A miña avoa, Carmen.
Un obxecto?
Unha cuncha.
Alguén imprescindible?
A miña filla, Carla.
Que é a vida?
Un camiño que recorres cunha mochila e onde vas cargando as cousas boas e as malas. E hai que disfrutar mentres transitas por ese camiño.