O Grove

José Antonio Otero (Esquerda Unida): "Queremos coidar ás persoas e facer unha xestión transparente"

O candidato de Esquerda Unida, José Antonio Otero. DS
photo_camera O candidato de Esquerda Unida, José Antonio Otero. DS

Dígame tres actuacións fundamentais que levaría a cabo Esquerda Unida no Grove.
O máis importante para nós é o centro de día, vendo a cantidade de persoas maiores que temos, e outra actuación sería o centro de saúde, que aínda que non é unha competencia municipal, sería importante conseguilo. A ampliación da escola de Rons sería a terceira. Hai que desbloquear a desafectación dos terreos para que a Xunta a amplíe e gañar espazo de gardería. A maiores destas tres tamén nos gustaría acometer unha reforma integral do pavillón do colexio de Conmeniño e da casa da cultura de San Vicente.

Nas pasadas eleccións quedou ás portas dos tres edís. Que agarda destas?
Nós presentámonos sempre coa intención de gañar. Lóxicamente, despois os resultados serán os que se dean. Este ano temos un bo proxecto, a experiencia na oposición que nos avala e un equipo con facultades como para poder gañar. O resultado xa se dará e calquera subida de edís sería un gran paso.

O PSOE demostrou nestes catro anos de maioría que non se pode ter confianza nel para estar nun Goberno de coalición"

Cal diría que é o seu punto forte como candidato á Alcaldía e que podería aportar un Goberno de Esquerda Unida?
Tanto o equipo coma min, o que queremos é coidar ás persoas, darlle voz á veciñanza, facela partícipe e ser transparentes na xestión do Concello. Tamén somos moi coidadosos cos pequenos detalles, e gústanos mellorar as cousas que realmente lle importan ao veciño. Ás veces as grandes obras non son o máis importante, primeiro é o mantemento, a conciliación, o coidado das persoas maiores, o deporte ou a cultura. Nós sempre imos contar cos veciños para actuar. Se hai que facer unha obra, primeiro imos achegarnos aos afectados para explicarlles o que pasa, e darlles a oportunidade de que poidan opinar e tomar decisións.

No caso de ter que pactar, con quen o faría?
Sinceramente non me prantexo ningún tipo de pactos porque nós imos a gañar. Non nos prantexamos entrar nun Goberno de coalición nin co PP nin co PSOE. Co PP xa é algo inviable e o PSOE demostrounos estes catro anos de maioría que non se pode ter confianza nel para estar nun Goberno de coalición. Outra cousa é se eles apoiarían un Goberno noso, pero nós non prantexamos iso.