O Grove

José Antonio Cacabelos (PSdeG-PSOE): "A finais deste ano 2023 teremos o PXOM do Grove aprobado"

O alcalde do Grove e candidato do PSOE, José Antonio Cacabelos. GONZALO GARCÍA
photo_camera O alcalde do Grove e candidato do PSOE, José Antonio Cacabelos. GONZALO GARCÍA

Acadou un fito histórico no Grove coa maioría absoluta das pasadas eleccións. Que previsións fai para estas?
Recoñézoo, a confianza que os veciños e veciñas depositaron no noso grupo hai catro anos foi inmensa. Un feito histórico, a primeira vez que un partido político obtivo maioría absoluta. O máis importante é que grazas á maioría absoluta fixemos avanzar O Grove. E digo isto porque nas cuestións clave destes catro anos non tivemos ningún apoio dos demais partidos. Todos votaron en contra. Exemplos disto son a construción do auditorio ou a escola de música. Votaron en contra PP, BNG e Esquerda Unida. A compra do Colexio das Monxas, que foi a acción que máis apoio social conlevou no Grove, pero resulta que votaron en contra. Na aprobación provisional do PXOM abstivéronse Esquerda Unida e PP e BNG votaron en contra. Con todo isto quero dicir que as maiorías son importantes, avanzamos máis con elas, e polo tanto, nós afrontamos esta campaña electoral ofrecendo aos veciños e veciñas do Grove unha bagaxe de resultados e feitos que todos os veciños e veciñas poden comprobar. A partir de aí e para seguir avanzando é necesaria a maior confianza posible dos veciños. O 28 de maio nós aspiramos a intentar renovar novamente a confianza dos veciños e veciñas para poder seguir avanzando outros catro anos.

Faga balance de como é O Grove dous mandatos despois baixo o Goberno do PSdeG-PSOE.
Nestes oito anos que levamos continuados, que é dos que podemos facer balance, creo que os veciños e veciñas do Grove poden valorar claramente que fomos transformándoo cunha idea clara. Se nos catro anos anteriores transformamos a rúa Castelao, facéndoa peonil, mercamos o terreo para o aparcamento de Entrehortas, iniciamos o desdobramento de beiramar, executamos a obra entre San Vicente e a igrexa, cun proxecto moi humanizador, facendo O Grove máis accesible, estes últimos catro continuamos esta liña. Desdobramos beiramar para aliviar o tráfico polo centro, transformamos totalmente a rúa Alexandre Bóveda que iniciamos hai oito anos, seguimos actuando no rural, onde todo o mundo pode ver que estamos a executar a obra da senda entre Campos e Reboredo, que nos vai permitir camiñar ou ir en bicicleta con total seguridade e, por suposto, tamén son importantes os servizos. A escola do Monte da Vila agora é municipal. Nas Monxas estamos cun punto de atención á infancia onde atendemos a 20 rapaces, e estámola transformando para trasladar Vellos Tempos, para atender tamén a dependentes con enfermidades dexenerativas. Grazas ao auditorio na Escola de Música hoxe temos 120 alumnos, nunca houbera tantos formándose musicalmente, e tamén nos permite programación musical todo o ano, cine e unha nova liña de turismo, como é o Congreso de Turismo.

Que principais obxectivos hai para un posible terceiro mandato consecutivo?
O primeiro gran obxectivo é seguir traballando na humanización das rúas, como Luisa Mestre, cun convenio xa proposto á Xunta; executar a subida a Liñares; a estrada de Meloxo, que é da Deputación, coa cal xa estamos a traballar e temos un proxecto; abrir o vial que conecta Monte da Vila con Xoán XXIII é fundamental, e por suposto levar adiante a urbanización das Touzas para ubicar alí o futuro centro de saúde. No rural continuar as sendas, e no día a día seguir tendo zonas verdes, flores, xardíns, o mantemento dos parques infantís e biosaudables. En San Vicente executar a obra de reforma de Bizocas e avanzar para facer do Grove unha vila moderna do século XXI.

O Grove xa non está para experimentos do pasado que bloqueaban proxectos e debates, o que ofrecemos é solidez"

Volve contar prácticamente co mesmo equipo de base...
Totalmente. Incorporamos un 30% de renovación e a experiencia dinos que a xestión da política municipal é cada vez máis complexa polas normativas e xestións. É necesaria experiencia e seriedade, un equipo recoñecido, e a solidez deste é o que ofrecemos. O Grove xa non está para experimentos do pasado que bloqueaban proxectos e debates.

O PXOM foi unha das liñas mestras do anterior mandato. Pensa seguir pelexando por el?
O PXOM ten tres fitos. O primeiro é a aprobación inicial que ten que facer o Pleno por maioría absoluta. O segundo é a aprobación provisional tamén en Pleno. Unha vez feita, trasládase á Xunta para a aprobación definitiva. Os dous primeiros trámites que son competencia municipal están feitos, grazas á maioría absoluta que temos. Agora falta a parte que corresponde á Xunta, e sobre o que algúns intencionadamente trasladan unha información errónea á veciñanza. Téñenme dito: «con maioría absoluta e resulta que o PXOM está sen aprobar», e non é así, senón que grazas a que temos a maioría está aprobado provisionalmente na competencia municipal. Levabamos un ano negociando con Portos e Patrimonio por dous informes non favorables. O informe favorable de Patrimonio chegou hai unhas semanas e o de Portos está listo tamén. Deste xeito, imos poder seguir coa tramitación porque só corresponderá a Urbanismo da Xunta a súa aprobación, xa que por fin completamos a fase de informes necesarios.

Habería PXOM este mandato?
Ás veces peco de dicir datas, pero estou convencido que a finais deste ano 2023 teremos o PXOM aprobado, porque non hai máis pasos. Non entendo que a Xunta vaia ter obxecións e non sería entendible que se utilizara para bloquear proxectos.