O IES As Bizocas do Grove acollerá o programa 'Canteira de Igualdade'

A formación chegará ao municipio do Salnés o vindeiro 7 de decembro logo de pasar por outros concellos
IES As Bizocas. GOOGLE
photo_camera IES As Bizocas. GOOGLE

A Deputación de Pontevedra revalida o seu compromiso coa formación en igualdade da mocidade da provincia coa segunda edición de Canteira de Igualdade. O innovador programa, lanzado de xeito piloto por vez primeira o pasado ano, arrancará este martes, 25 de outubro, cun obradoiro sobre Mulleres influencers e homes gamers a cargo de Priscila Retamozo e Chis Oliveira no IES Valadares. A programación de Canteira de igualdade continuará ata finais de decembro noutros sete institutos de ensino secundario e centros públicos integrados de Baiona, Cangas, O Grove, AS Neves, Redondela, Salvaterra e Vigo e a cargo de conferenciantes da talla de Amada Traba e Luisa Abad ademais das xa mencionadas Priscila Retamozo e Chis Oliveira.

“Trátase dunha iniciativa única no Estado -recordou a presidenta Carmela Silva- que nos converteu na primeira institución en ofertar formación sistematizada e prolongada á mocidade en materia de igualdade”. Para a presidenta é fundamental “crear canteira, facer á mocidade partícipe do cambio” e para elo “precisamos espallar os principios da igualdade onde se atopan as mozas e os mozos, nos institutos e centros de ensino”. Carmela Silva recordou que o pasado ano “colleitamos excelentes resultados e unha elevada participación que estou segura imos revalidar novamente”.

Tralo paso polo IES de Valladares, a segunda edición de “Canteira de igualdade” recalará este xoves, 27 de outubro, no IES Carlos Casares de Vigo. Xa en novembro, o día 25, os obradoiros continuarán no CPI Cova Terreña de Baiona. En decembro, o día 5 terá lugar unha nova actividade no IES Pazo da Mercé das Neves, o 7 no IES As Bizocas do Grove, o 14 no IES de Salvaterra de Miño, o 20 no IES Monte Carrasco de Cangas e rematará o 21 no IES Mendiño de Redondela. Se o pasado ano afondouse en cuestións como a división sexual do traballo, o amor, a historia do feminismo ou a cultura da violación, nesta edición afondaranse, entre outras, en cuestións relacionadas coa igualdade e as redes sociais ou sobre mulleres influencers e homes gamers.

Os obradoiros serán impartidos por mulleres da talla de Chis Oliveira, catedrática de Filosofía; Priscila Retamozo, politóloga e coordinadora do proxecto coeducativo Comando Igualdade; Luisa Abad, licenciadad en Pedagoxía e premio á Innovación Educativa en prevención de violencia de xénero; e Amada Traba, con máis de tres décadas de experiencia asesorando no campo da socioloxía de xénero e políticas de igualdade.