Entrevista al compositor

Iago Hermo: "Papagena pon o foco na violencia de xénero"

A ópera electrónica Papagena chega mañá ao Grove ás 21.00 horas no Auditorio municipal ▶ Iago Hermo, compositor da ópera e do libreto e tamén director musical da peza, analiza a súa obra e os obxectivos que teñen
Iago Hermo durante el estreno de Papagena en Pontevedra. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Iago Hermo durante el estreno de Papagena en Pontevedra. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O programa cultural do Concello do Grove continúa mañá co espectáculo de Papagena, unha ópera electrónica en galego que chega ao Salnés da man do seu compositor e director musical, o rianxeiro Iago Hermo, quen analiza a obra, a súa orixe e anima á xente do Grove e da contorna a gozar dun espectáculo único e novidoso.

Que se vai encontrar a xente mañá no auditorio do Grove?
Vanse atopar principalmente cunha ópera, pero sobre todo cunha ópera bastante moderna. No sentido de que a música non vai ser unha orquestra ao uso, como adoita ser nunha ópera tradicional, senón con música electrónica e unha escenografía na que vai estar moi presente o tema da iluminación, o que vai xerar unha atmósfera bastante especial. Van a atoparse cunha ópera curta, xa que son 50 minutos, pero bastante intensa e envolvente en xeral.

Como definiría nunha palabra o espectáculo?
Impresionante.

Cal é a súa función?
Son o autor, escribín o texto e a música da ópera, pero durante as función estou como director musical. Dirixo aos cantantes ao mesmo tempo que estamos representando.

Que é máis difícil, crear a peza ou dirixila?
Cada cousa tivo a súa dificultade, porque crear a peza, sobre todo este tipo de formato que non é o habitual, foi difícil, pero por sorte xa fixera unha antes entón xa coñecía cales podían ser os riscos. E dirixir, como os cantantes tampouco estaban afeitos a cantar este tipo de repertorio ou a traballar este tipo de formato, tamén levou o seu traballo, polo que diría que as dúas cousas.

De onde nace a idea de crear Papagena?
Pois o ano pasado, por abril ou maio, eu estaba facendo unhas prácticas en Rianxo, na Concellería de Cultura. Contactei con Esther Carrodeguas, de ButazaZero, porque estaba facendo o meu TFM e precisaba realizar unhas enquisas para o sector cultural, e xustamente falamos sobre en que proxectos estabamos interesados en facer, e comenteille que quería facer unha ópera de pequeno formato, un pouco relacionado co meu TFM, sobre o desenvolvemento local a través do sector cultural. A partir de aí comezamos a conversar, xa que eles xustamente falaran unha semana antes que querían probar a facer un espectáculo deste tipo, e comezamos a traballar ata hoxe.

Que é exactamente unha ópera electrónica?
En vez de situar unha orquestra no foso en escena, e dicir, músicos en vivo, todo o entramado sonoro ven a través dos amplificadores. A orquestra neste caso sería o meu ordenador, e todos os son que deseñei para crear un tipo de sonoridade en substitución da orquestra. Iso si, as voces si que son en vivo.

A ópera electrónica caracterízase por substituír a orquestra en foso por amplificadores controlados por ordenador

Levoulle moito tempo preparar todo o que hai detrás desta obra?
Bastante. Foi un traballo de bastantes meses. Sobre todo ao principio, como non estou tan acostumado a escribir texto, a parte de deseñar o libreto que é moi simple e moi obvio, levoume o meu tempo de traballo. E despois a música, escribir a partitura para poder ter material de traballo, deseñar como ten que soar. E logo un terceiro paso que era deseñar ese tipo de sonoridades no ordenador, para que puidera soar en vivo sen necesidade de músicos.

Cal é o obxectivo de Papagena?
Ten varios. O primeiro deles evidentemente é pór o foco no tema propio da ópera, que é a violencia de xénero, por iso se presentan estas dúas personaxes, pero a idea é presentalo en cru, que se vexan tal cal. Polas reaccións que tivemos ata agora si que está funcionando ese aspecto. Outros obxectivos que tiñamos eran deseñar un espectáculo operístico que se puidese representar en sitios máis alá da Coruña, Santiago ou Vigo. Poder levar a ópera a, por exemplo, Rianxo, que é onde se fixo a preestrea; ás ruínas de San Domingo, onde se fixo a estrea; a Fisterra, onde estivemos a última vez; e mañá no Grove. Desa forma podemos enlazar co seguinte dos obxectivos que é ese desenvolvemento local a través do sector cultural. Poder crear novos formatos que den pé a diversificar a oferta cultural nas vilas de Galicia e sobre todo servir de inspiración a máis xente, que se vexa que isto pode funcionar e que máis xente se interese en desenvolver este tipo de proxectos.

O obxectivo principal é pór o foco no tema propio da ópera, a violencia de xénero

Como animaría a alguén que non foi nunca a unha obra deste tipo, para que se achegue mañá ao Grove?
Primeiro, porque o auditorio está moi ben, xa que é novo. E sobre todo adoito tirar da curiosidade da xente, que polo xeral funciona bastante ben. Non vou explicar moito o que pasa, non vou explicar nada do que se van a esperar, pero si que por curiosidade xa compensa ir, xa que se van a atopar con algo chamativo a distintos niveis.