Hip hop, skates e grafittis toman o Grove na primeira edición do 'Rolling Over'

Edís do Goberno local visitaron durante a mañá deste sábado o obradoiro de grafittis. DS

O municipio acolle ata a última hora deste sábado un festival de música urbana con diferentes actividades destinado ao público mozo

Numerosos mozos e mozas de O Grove danse cita durante toda a xornada deste sábado no 'Rolling Over' que, na súa primeira edición, xa está a resultar todo un éxito. Durante a esta mañá, os edís do Goberno local Juan Ramón Outeda, Pilar Galiñanes, Ángeles Domínguez e Juan Otero visitaron os obradoiros de graffiti e DJ na zona peatonal da rúa Castelao, que conquistaron ao público, para dar paso aos concertos de Sasis, Midnight e Gonadrii na Praza de Arriba.

O evento organizado pola empresa local White Coast Music e o Concello de O Grove continuará durante toda a tarde, coas actividades e exhibicións de Flatland a partir das 16.00 horas, unha modalidade deportiva que consiste en levar a cabo acrobacias sobre unha BMX, así coma un obradoiro de skateboarding.

A música pechará a xornada a partir das 20.30 horas, cando o escenario recibirá a artistas do mundo do hip hop como Shella ou Erin, que darán paso ao rapeiro sevillano Shotta, considerado unha das estrelas deste estilo musical.