O Grove saca peito no último tirón do Marisco

▶ A derradeira fin de semana da Festa do Marisco saldouse con máis de 26.000 tickets vendidos o sábado e arredor de 300 corredores o domingo
▶ Agárdase que o vindeiro festivo complete o éxito das últimas xornadas
O concerto de Maika Makovski na Praza do Corgo. DS
photo_camera O concerto de Maika Makovski na Praza do Corgo. DS

A celebración grovense por excelencia, a aclamada Festa do Marisco, vén de despuntar no peche da súa segunda e última fin de semana correspondente á LIX edición. Durante os dous últimos días, o groso da actividade concentrouse, como non podía ser doutro xeito, na carpa de degustación, que rexistrou o seu pico de máxima afluencia o sábado, chegando a vender un total de 26.637 tickets de todo tipo de produtos, segundo os datos do Goberno local, superando amplamente os 15.000 vendidos na xornada anterior.

Tamén durante o mediodía do sábado, a celebración contou coa presenza da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que quixo coñecer de primeira man o desenvolvemento do evento, do que se agarda que o vindeiro mércores festivo, 12 de outubro, complete o éxito das últimas xornadas, no que será o peche da edición deste ano.

Visita da presidenta da Deputación, Carmela Silva. DS
Visita da presidenta da Deputación, Carmela Silva. DS

O alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, así como diferentes membros da Corporación municipal, foron os encargados de recibir á presidenta, quen destacou durante o acto a importancia do evento como elemento "dinamizador do turismo na Provincia durante esta época", e que permite alongar a afluencia de visitantes que xa se desprazan á zona durante todo o verán. Pola súa banda, Cacabelos quixo "agradecer o compromiso e o apoio da Deputación, que nos permite seguir medrando ano a ano e seguir facendo da Festa do Marisco un evento turístico de referencia".

A Carpa de Degustación tamén acolleu pola mañá a presentación do concurso de Aceites Abril, que  levará a cabo un sorteo o 12 de outubro no que premiará a un dos tickets vendidos durante todo o evento, co abastecemento de aceite durante todo un ano.

Máxima afluencia na carpa de venda de tickets o sábado. DS
Máxima afluencia na carpa de venda de tickets o sábado. DS

Pola tarde, a regata de dornas a vela no porto, organizada por Dorna Meca e o 42º Concurso de Pratos do Mexillón Amegrove na Carpa Institucional foron os protagonistas. No concurso, o primeiro premio, valorado en 1.300 euros, foi para Francisco Javier Castro co seu prato O mexillón que viaxou a Perú; o segundo (800 euros), para Alejandro Laíño con Thai de curri verde con mexillóns e boletus e o terceiro (500 euros), para Noelia Sobrino con Mytilus sobre cama de cefalópodo con suspiros de maíz.

Gañadores do concurso Amegrove. DS
Gañadores do concurso Amegrove. DS

Pola noite, a celebración trasladouse á carpa de concertos, na que as actuacións de Maika Makovski e Kula Shaker fixeron vibrar aos asistentes, que ateigaron o recinto habilitado na Praza do Corgo. A festa aínda se alongou ata a madrugada coa actuación de Nanein Dj, se ben o pico de afluencia tivo lugar pouco antes da medianoite, momento no que tamén se celebrou a Noite Meiga, que repartiu queimada entre o público.

Durante a xornada de onte, a XXII Carreira Popular conseguir congregar a máis de 300 participantes. A regata de dornas a remo e o concerto de Lila Downs pola noite, pecharon a fin de semana.