O Grove presenta as XX Xornadas Gastronómicas da Centola co apoio da Xunta ao mar e o turismo

Presentación das XX Xornadas Gastronómicas da Centola do Grove. XUNTA

O delegado territorial en Pontevedra, Luis López, participou na presentación oficial desta exaltación gastronómica, organizada pola asociación de empresarios Emgrobes, no Museo da Salgadeira coa presenza do alcalde, José Cacabelos

O Museo da Salgadeira de Punta Moreiras acolleu esta mañá a presentación das XX Xornadas Gastronómicas da Centola do concello do Grove. Á cita acudiu o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, quen destacou o apoio do Goberno galego ao desenvolvemento socioeconómico dos sectores do mar e do turismo neste evento.

O representante autonómico, que estivo acompañado polo alcalde do Grove, José Cacabelos, agradeceu tamén o esforzo da asociación de empresarios Emgrobes, organizadora desta exaltación gastronómica, e quixo facer un recoñecemento á confraría, pescadores, mariñeiros e produtores “por ser os verdadeiros artífices deste certame xunto cos cociñeiros e restauradores do Grove”.

“Non hai mellor xeito de pechar o amplísimo calendario de citas gastronómicas que se celebra cada ano en Galicia que degustando un produto tan emblemático como a centola e facelo ademais nun municipio como O Grove, onde a boa cociña do mar é case unha relixión”, manifestou o delegado territorial.

Luis López sostivo que estas xornadas “complementan á perfección e dan continuidade á exitosa Festa do Marisco” e puxo en valor que a cita coa centola “está plenamente consolidada tras unha traxectoria de dúas décadas e por iso debemos celebrar, de xeito especial, esta cifra redonda da súa viséxima edición”.

O representante autonómico tamén louvou que esta exaltación gastronómica, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, “cumpre moi atinadamente co seu papel desestacionalizador do turismo para seguir atraendo xente e dinamizando a socioeconomía do Grove en tempada baixa”. Ademais, insistiu en que o apoio do Goberno galego non se circunscribe só a esta cita, senón que se estende, con importantes investimentos e melloras nos últimos anos, a todas as infraestruturas do Grove que fan posible a pesca e distribución da centola e de todos os produtos do mar, como o porto, a lonxa ou a praza de abastos.

As XX Xornadas Gastronómicas da Centola do Grove comezan no día de hoxe, 7 de novembro, e estenderanse, durante 35 xornadas consecutivas, ata o vindeiro 11 de decembro coa participaciónde 13 restaurantes do municipio e contarán cunha programación de diversas actividades complementarias dirixidas a todos os os públicos.