O Grove recibirá preto dun millón de euros para un novo parque polideportivo

Luis López visitou este martes o municipio meco para asinar co alcalde un convenio de colaboración dentro do programa PON2030 
Luis López e José Antonio Cacabelos durante o encontro. ANXO LORENZO
photo_camera Luis López e José Antonio Cacabelos durante o encontro. ANXO LORENZO

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, visitou este luns o Concello do Grove para asinar co rexedor José Antonio Cacabelos un convenio de colaboración enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas  Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o goberno provincial financiará con máis de 740.000 euros, o 80 % do orzamento, o proxecto para construír un complexo polideportivo ao aire libre nunha parcela sen uso no lugar de Bizocas, en San Vicente do Mar. 

O Concello, pola súa banda, achega o 20 % restante, uns 185.000 euros. “Unha nova mostra de que tendendo pontes entre administracións facemos que a provincia vaia a máis. A máis en instalacións deportivas de calidade, en fomentar hábitos de vida saudable e na transformación de espazos degradados en áreas de interese para a veciñanza e o turismo”, declarou o mandatario provincial despois de asinar o acordo.

A obra, que está valorada en case 930.000 euros, servirá para construír nunha parcela de case 5.000 metros cadrados que estaba en desuso un parque polideportivo con actividades deseñadas para persoas de todas as idades. Ademais, a ubicación do parque é ideal por lindar co colexio e instituto de As Bizocas e estar próximo á praia de Area da Cruz, polo que será un importante reclamo para a veciñanza e os visitantes. Nesta finca instalarase un circuíto biosaudable, un circuíto de calistenia, un parque infantil, unha cancha de baloncesto ao aire libre e unha pista polideportiva cuberta e con gradas aproveitando a estrutura abandonada que existe nesta parcela. Ao mesmo tempo, crearanse zonas de estancia para fomentar a relación coa natureza e un itinerario peonil que conecte as distintas áreas. 

Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre Deputación e Concello do Grove realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo goberno provincial se vexa reducido.