Grande Amore e Cruz Cafuné fan vibrar ao público nos concertos do Marisco

Gran afluencia de espectadores para gozar da música electrónica do galego e os ritmos latinos do canario
Cruz Cafuné Festa do Marisco O Grove
photo_camera Cruz Cafuné durante o seu concerto no Grove. D.S.

Os concertos de Grande Amore e Cruz Cafuné, celebrados o venres, foron todo un éxito de afluencia baixo a carpa de concertos, facendo vibrar aos asistentes.
Ambas actuacións conseguiron conectar co público do marisco, completando unha gran xornada, na que tamén se entregaron as Centolas de Ouro desta edición e inaugurouse a carpa de artesáns e emprendedores locais, Grove Makers.


Grande Amore, que esta semana viña de gañar o premio Martín Códax da Música no apartado de mellor proxecto de música electrónica, entregouse a un público que gozou ao máximo, tanto das súas cancións como do seu ‘flow’ enriba do escenario. Pola súa parte, o canario Cruz Cafuné puxo a bailar aos asistentes ao son dos mellores ritmos latinos, deixando un bo sabor de boca entre o público, tanto a xuventude como aos maiores.


Para o alcalde, José Antonio Cacabelos, “é todo un acerto combinar diferentes tipos de música entre os Concertos do Marisco, porque dese xeito conseguimos diversificar o público asistente, xa que moitos deles se achegan pola música ata O Grove, pero despois acaban quedando pola gastronomía". “Estamos xa case na recta final desta edición da Festa do Marisco, e ata o de agora estamos moi satisfeitos co número de visitantes, sendo as fins de semana os momentos álxidos de afluencia” aclarou o rexedor. “Este ano temos aí o mércores festivo que moita xente escolleu para facer ponte, así que agardamos manter o número de visitantes estes días, ata culminar a Festa do Marisco 2022”, concluíu Cacabelos.


Para este sábado están previstas as actuacións de Maika Makovski e de Kula Shaker na carpa de concertos da Festa do Marisco, a partir das 23 horas. 
Ás 23:30 horas iniciarase a tradicional 'Noite Meiga' e ao remate repartirase a Gran Queimada para todos e todas as que queiran degustar.