VIDA SALNÉS

Gogue: “Sempre anoto todo o que escoito”

Creador de Floreano e Monchiña, busca agora levar a esta parella "normal e corrente" do Salnés á animación
photo_camera Gogue cos personaxes de Floreano e Monchiña para Vida Salnes [VÍDEO: JOSÉ LUIZ OUBIÑA e EDUARDO DE LA PEÑA]
A miña historia
Son Meco de pura cepa. Nacín na Praza de Arriba que é o sitio máis meco que hai no Grove. Son fillo de Pepe e de Maruja. Tiveron bar en Pontevedra, despois trasladáronse para Cambados e montaron no Grove o definitivo. Como eu era o único que estaba na casa naquel momento, (meus irmáns estaban fora), pois fun o que lles botaba unha man. Foi unha media profesión de hosteleiro que compatibilizaba cos estudos en Pontevedra. Ata que chegou un momento que meu pai dixo que había que traspasar, no 73-74. A partir de aí, estiven traballando en Vilagarcía nunha empresa construtora, pero deixeino porque non me gustaba estar metido nunha oficina e funme para Madrid a unha empresa dunha familia da Guarda. Estiven nunha das sucursales de exportación e importación de grifería de luxo, e aí empecei eu a deseñar os cuartos de baño. 

Empezas debuxando cuartos de baño?
Si, pero o do debuxo ven de antes. Durante a época na que estaba no bar, púñame a debuxar. Cando se compraban os cartóns de tabaco tiñan un papel tipo cartulina que era moi bo para debuxar. Todo con bolígrafo. Notei que era o que me gustaba.  Pero na época dos deseños de cuartos de baño, vivía en Madrid e a mín non me gustaba ese traballo porque prefería a tranquilidade do Grove ou de Pontevedra. Entón pedín que me enviasen a Vigo onde a empresa tiña unha sucursal. A finais dos 80 cheguei a Vigo e nun momento libre fun ao Faro de Vigo coas miñas caricaturas. Daquela estaba Quesada como humorista. Recordo que me atendeu Javier Pousa, presidente do Consello de Administración, que estaba no seu despacho cunha pipa. Mirou os debuxos e díxome que falara co director de deportes para facer caricaturas do Celta. Eu nunca publicara nada na miña vida. Saín dando botes, claro. Parecía que me tocara a lotería.

Cal foi a túa primeira caricatura publicada?
A primerira caricatura que fixen no Faro foi a de Pavic que era o entrenador do Celta. Fíxena un sábado e saíu o domingo. Ver aquilo para mín foi o premio máis grande que puiden ter. Logo xa me ampliaron a Nacional. Tocoume a etapa de Suárez, de UCD, e de Felipe González. E un día, tomando un café na Alameda de Vigo, Luis Mariño ofreceume ir traballar a La Voz de Galicia no suplemento de cultura. E fun a Santiago a traballar. Foi cando asasinaron a John Lennon e publiquei unha caricatura del na portada. Logo pedíronme unha caricatura de Camilo José Cela e recibín unha carta, a nome de Cela, na que me pedían a caricatura para regalarlla. Cela fíxome o prólogo do meu libro Goguerías 2. Rematei na Voz no 82. Chámanme do Correo Gallego e alí fixen caricaturas de todo. Fixen caricaturas dos supostos narcos da época. E deixei o Correo e entrei en Vigo no Diario16 Galicia, e cando desaparece chámanme do Faro de novo. Aí pídenme unha tira cómica diaria. Dixen que si porque eu tiña unha idea na cabeza. Levo 36 anos con esa tira cómica. Ao principio saía Floreano co Epi no bar. Logo foi medrando coas personaxes que viven nunha viñeta.

Quen son Floreano e Monchiña?
É unha parella normal e corrente. Nunca están de acordo, son unha parella como as que ves nas aldeas.

Que hai do Salnés na tira cómica de Floreano?
Hai todo. Sobre todo o que encerra o mundo do viño, das tabernas. As miñas tiras van de furanchos e de viños. Como traballaba no bar do meu pai, debeume quedar algo de despachar os viños. 

Podes coñecer o carácter da xente do Salnés escoitando o que pasa nunha taberna?
Hai xente cabreada, hai xente boa, hai xente que non se entera. E despois hai xente que non está conforme con nada, como ocorre na vida.

Floreano é de dereitas ou de esquerdas?
É do medio.

E Monchiña é feminista?
Depende.

Cantas veces recibiches criticas por supostas actitudes machistas de Floreano?
Varias veces. Son desagradables ademais. A xente ás veces pensa cousas que non teñen que ver co que eu quero dicir. Para min o problema son as maneiras que non se entenden. 

Que culpa tes do que din as túas personaxes?
Será o 50 por cento.

Floreano e Monchiña de Gogue. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Figuras de Floreano e Monchiña. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

E a tua muller non cre que Floreano sexas ti?
Teño que preguntarllo, pero creo que non. Non sei se lles pasa a todos os creadores, pero é como se fose da casa. Eu estou rodeado de Floreanos.

E os fillos?
Alma é licenciada en historia da arte e Anxo deseña en 3D nunha empresa.

Entón saben eles máis disto da arte ca ti?
Claro que si.

Que pensan eles?
Gústalles. Sempre me defenderon e sempre lles gustou porque lles gusta a creación.

E vas dar o salto á animación?
Estamos loitando porque hai que buscar onde. Seica na TV de Galicia, que é quen podería levar isto adiante, de momento, aínda non dixeron nada. Aí é onde queremos que se proxecte.

Despois das túas experiencias internacionais, por que non vas máis rápido en Galicia?
Sempre sentín esa frustración, pero xa estou curado contra iso. Sigo mantendo a colaboración con Hoy en Delaware, Estados Unidos, e faime moitísima ilusión cando me chaman e cando mas piden.

Se ti non es Floreano, quen es ti?
Son como son, moi sencillo. Gústame estar cos amigos, que me vexan os veciños. Gústame o contacto coa miña xente.

Escoitas aos teus veciños?
Iso é fundamental. Sempre anoto todo o que escoito.

O mellor e o peor da xente do Grove?
A min gústame a familiaridade. Toda a xente é moi cercana, axudan. O peor? Algunha envidia que outra. 

Que é o que che gustaría que dixesen de ti?
Que son un gran debuxante.

Diríalo ti de ti mesmo?
Si.

E a que outros grandes debuxantes admiras?
O Ibáñez de Mortadelo e Filemón, o Quino de Mafalda, o Hergé de Tintín, o Uderzo de Asterix. E despois algún americano como o animador William Hanna e os artistas arredor de Hanna-Barbera.

Ti es máis de tiras ou de cómic?
De tiras cómicas. 

Viaxas polo Salnes?
Si, Floreano e Monchiña xa están viaxando pola comarca. Para o proxecto de animación; pero tamén porque a xente da beira do mar son do mesmo carácter e viaxar polo Salnés e como andar pola casa. 

Autocensúraste?
Moitas veces. 

Es autodidacta?
Eu non son Autodidacta, eu son Gogue. Eu fixen o bachiller e punto. Autodidacta? Supoño que un pouco si e outro pouco tamén. Tiven xente, mestres, que me seguía algo e a quen lle ensinaba o que facía, como Ernesto Goday , o pintor do Grove. El viña moito ao bar do meu pai e ensináballe cousas. De feito, díxenlle un día se me daba clases e díxome que no estaba capacitado para darme clases. E ademais andaba liado coas súas  exposicións e todo iso. E eu entendino perfectamente.

O humorista gráfico nace ou faise?
Eu creo que nace. E despois vas bebendo de fontes. Todo o mundo vai bebendo doutras fontes para enriquecerse máis. A técnica artística vaise mellorado. 

Foches un dos fundadores de Can sen Dono nos 80?
Pepe Carreiro e mais eu.

Entón existe tradición de humor gráfico en Galicia?
Existe.

E o futuro do humor gráfico?
Non o vexo ben. Non hai sitios onde publicar. Por iso cando creamos Can sen Dono moita xente utilizou esa plataforma para demostrar que había uns artistazos naquela época e agora tamén. O que pasa é que non hai onde publicar. Os periódicos están como están e os espazos non existen. Os catro ou cinco que estamos na prensa somos uns privilexiados. 

De onde ven Gogue?
É unha deformación de José. O meu irmán menor chamábame así. Pero, ollo, Gogue é un apelido en inglés. Hai moitos Gogue en Estados Unidos.

TEST DE VIDA

Unha palabra?
Floreano.
Un lugar?
O Grove.
Unha persoa?
Sefa, a miña muller.
Unha personaxe?
Asterix.
Alguén importante?
Alberto Avendaño. Dígocho con sinceridade. Porque fixemos un tándem en Estados Unidos. Grazas a ti só o que conseguín ao poder publicar no Washington Post, iso foi súper grande. 
Unha cousa?
Un lapis.
Unha ferramenta?
Pinceles.
Alguén imprescindible?
Alma.
Que é a vida?
Vivir. Impulso para vivir. E disfrutar. Impulso para vivir e disfrutar e ás veces padecer.