O Goberno local recibirá 179.576 euros para contratar a 19 persoas

Así o anunciou Carmela Silva na Xunta de Goberno dentro das novas axudas do Plan Concellos 
Xunta de Goberno da Deputación. DP
photo_camera Xunta de Goberno da Deputación. DP

A Deputación de Pontevedra vén de mobilizar novos recursos por 6 millóns de euros para “garantir proxectos e servizos tanto aos concellos como ás asociacións da provincia”, como destacou hoxe a presidenta Carmela Silva, en materia de cooperación, infraestruturas, igualdade, cultura, transformación dixital e apoio ao sector primario. Da citada cantidade, 1,7 millóns corresponden a achegas do Plan Concellos, e outros 1,1 millóns a novas axudas do IDAE.

A Xunta de Goberno aprobou novas achegas do Plan Concellos que beneficiarán ao municipio do Grove, que contará con 179.576€ para contratar a 19 persoas. 

Así mesmo, a presidenta informou de novas achegas do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía de España (IDAE) para realizar proxectos que mellorarán a eficiencia enerxética de instalacións e edificios municipais de 9 concellos. Por unha banda, aprobouse  o expediente de contratación das obras de mellora da eficiencia enerxética nas instalacións de abastecemento e depuración de augas residuais en Barro, A Cañiza, O Grove, Marín, Meis, Nigrán, Ponteareas e Pontecesures, cun orzamento de 770.085 euros.

Os traballos permitirán a substitución de equipamentos como bombas, cadros de mando, sistemas de arranque e a incorporación de novos dispositivos de sensorización, caudalímetros, rototamices ou sondas de osíxeno. Carmela Silva puxo en valor aos concellos que se adheriron ao proxecto, “xa que este investimento vai permitir que a xestión da auga sexa máis sostible, algo fundamental e aínda máis nunha situación como a que vivimos, na que pasamos dunha declaración de seca a inundacións”. O IDAE tamén vén de conceder á Deputación outra achega de preto de 350.000 euros para dotar de instalacións xeotérmicas sostibles a varios edificios municipais da Illa de Arousa e A Cañiza, “que permitirán reducir as emisións de kgCO2 ao ano a menos da metade das actuais”.