A figura de Penélope reivindica a independencia das mulleres no Grove

A tecedora do tempo, a obra das artistas Xela Marx e Maya Estarque, representouse no municipio meco para amosar a importancia de que as mulleres se liberen dos roles sociais impostos para acadar a igualdade
Violencia Zero O Grove 'A tecedora do tempo'. DP
photo_camera Violencia Zero O Grove 'A tecedora do tempo'. DP

A Deputación de Pontevedra continúa coa súa exposición do programa Mulleres en Acción. Violencia Zero. Nesta ocasión foi o Grove con A tecedora do tempo o municipio elixido para levar a representación protagonizada pola creadora escénica Xela Marx e a deseñadora Maya Estarque. Esta nova acción, que tivo lugar no auditorio municipal do Grove, concentrou a un nutrido grupo de máis de 200 alumnas e alumnos dos IES Monte da Vila e As Bizocas que acompañaron á deputada de Igualdade, Vicky Alonso, e ao concelleiro de Igualdade da vila, Francisco Parada. 

Mulleres en Acción. Violencia Zero está a recuperar nesta edición a precursoras do programa, artistas que nestes anos fixeron emerxer e crecer esta iniciativa da Deputación, xerando alianzas entre elas ou con novas colaboradoras, ideando xuntas pezas inéditas. No Grove, Xela Marx e Maya Estarque, traballaron para realizar conxuntamente a peza A tecedora do tempo, unha acción poética na que ámbalas dúas artistas encarnaron a complexidade da personaxe de Penélope na Odisea de Homero, unha muller que, a pesares de ter voz nun dos primeiros textos clásicos da cultura occidental e ter soños, desexos e dúbidas, ten unha vida suxeita á existencia do seu marido Ulises, que leva anos fora da súa casa, e á monotonía do seu día. 

Na acción escénica representada no municipio meco Xela Marx e Maya Estarque, a través do diálogo, das artes plásticas, o teatro e a filosofía, buscaron facer unha denuncia das desigualdades e imposicións sociais a través da vida de Penélope. Ambas artistas recrearon o mundo interior e as dúas realidades de Penélope: o seu día a día nun espazo pechado, no que está enclaustrada e sometida a unha vida que lle foi imposta, e, por outra banda o seu potencial contido, aquilo que realmente pensa, cuestiona e desexa. Deste xeito, e a través dunha situación relatada no século VIII antes da nosa era, rendeuse homenaxe a todas aquelas mulleres que, coma Penélope, non posúen as rendas do seu destino e a súa vida, e reclamouse que mentres existan mulleres así seguirá existindo a desigualdade.

A representación deste programa continuará ao longo do ano nos concellos de Cambados, Vilagarcía e Ribadumia dentro do Salnés.