O festival solidario Nos Seus Pés recada máis de 13.000 euros para a ONG Proem-aid

A organización destaca a implicación da veciñanza meca en doazóns, voluntariado e as aportacións do Concello e outras empresas locais 
Javier Olleros. DS
photo_camera Javier Olleros foi un dos participantes do Tapeo Solidario. DS

O festival meco Nos Seus Pés da por finalizada a súa quinta edición anunciando a recadación dos días 20, 21 e 22 de outubro no festival. A organización enviará 13.225 € á organización humanitaria Proem-aid, que traballa nas Illas Canarias en programas con persoas migrantes. 

De cara a poder facer máis edicións e outras actividades, nesta ocasión a organización de Nos Seus Pés decidiu manter 700 € nunha bolsa económica que permita ter recursos propios para manter o festival. 

Dende o venres 20 de outubro ata o domingo 22 O Grove uniuse para ser solidario. Con actividades de gastronomía, música e obradoiros para crianzas co obxectivo de recadar fondos para a asociación Proem-aid. Dende a súa fundación en 2017 o festival procura colaborar con iniciativas humanitarias e crear un evento de solidaridade e colaboración entre a veciñanza e outros actores locais como pequenas e medianas empresas e o Concello de O Grove. 

Nesta V edición destacou a consolidación de actividades como o Tapeo Solidario, que contou coa presenza de Javi Olleros, un dos promotores do festival, e outros chefs locais e do Grupo Nove. O sábado o día adicouse a obradoiros para crianzas, sesión vermú e concertos durante a noite, todo coa entrada de balde. A recadación sae da venta de tapas, bebidas, camisolas e doazóns dos asistentes. O domingo destaca a colaboración co Náutico de San Vicente, cunha xornada de “paella solidaria” e música. 

A directora do festival, Mar Benavides, destaca a “gran colaboración da veciñanza meca e pequenas empresas que colabora en todo o necesario, isto é imprescindible para poder facer o festival”. Máis de 50 persoas traballan nas distintas tarefas do festival, dende a produción ata nas cociñas, barras, facendo obradoiros, limpeza… Por outra banda, Benavides lembra a importancia destas iniciativas locais para colaborar con organizacións como Proem-aid que depende económicamente da solidaridade: “O traballo e lecer de Nos Seus Pés ten como consecuencia a mellora dos servizos de Proem-aid, unha organización que é un punto de luz na situación hostil de moitas persoas migrantes”. Os voluntarios desta oenegué tamén participaron no festival, dando o seu testimonio aos asistentes das experiencias tanto como restatadores no mar Mediterráneo como en iniciativas como o Proxecto Agua.