A Festa do Marisco pecha a edición con máis visitantes da súa historia

Supera os 150.000 nos 11 días de celebración e recauda 1.114.566,1 euros pola venda de tiquets
A compra de tiquets nesta edición superou os 186.000. DS
photo_camera A compra de tiquets nesta edición superou os 186.000. DS

A LX Festa do Marisco do Grove despídese por todo o alto, e senta as bases para facerse coa denominación de Interese Turístico Internacional. A edición de 2023 rexistrou un 8,5% máis de afluencia ca pasada o que a converte por méritos propios na edición con máis visitantes da historia, superando os 150.000 nos 11 días de celebración. 

Un total de 19 concertos, obradoiros para pequenos e maiores, cultura galega, animación, a Feira de Oportunidades Grovestock, unha concentración de motocicletas clásicas, premios, faladoiros, exposicións e sobre todo, o mellor produto local, colmaron as expectativas de todas as persoas que visitaron O Grove do 5 ao 15 de outubro. 

O alcalde, José Antonio Cacabelos, subliña que “isto non sería posible sen todos os axentes implicados nunha Festa do Marisco do Grove que cumpre 60 anos cun gran futuro por diante”. O rexedor manifestou o seu “sincero agradecemento” a todas as persoas que “conservan a ilusión intacta para facer desta Festa a máis senlleira de todo o territorio nacional e parte de Portugal no que a trato do marisco se refire” e insiste na “relevancia” dentro e fóra das nosas fronteiras para “seguir medrando”. 

“Pechamos a mellor edición da Festa do Marisco da historia en canto os datos, pero tamén o ambiente, a satisfacción, a diversión e resposta de toda a xente que nos visita estes días. En xeral toda a Festa do Marisco foi emocionante; ver unha vila de 11.000 habitantes, no mes de outubro, coas rúas cheas de xente, o Recinto Feiral repleto e con ganas de pasalo ben, de desfrutar do marisco, da oferta musical, de todas as posibilidades que lles ofrecemos, realmente emociona; emociona ver o Grove así”, insistía Cacabelos. 

A Festa do Marisco, polo tanto, é un evento totalmente consolidado, que ofrece un produto turístico desestacionalizador que ten influencia no Grove, na comarca do Salnés, en Pontevedra e tamén en Galicia. Varias axencias indicaban esta mesma semana que hai aloxamentos en Vigo ou Santiago de Compostela que se dedican a turistas que visitan exclusivamente O Grove.

Esta LX Edición rompeu os datos de calquera outra, e “creo que a repercusión económica é importante. Non podemos ter unha valoración de todo o investido, pero o efecto multiplicador que pode ter na nosa economía, é moi importante”, engadía o alcalde, José Antonio Cacabelos, quen recalcaba que “se pode comparar esta quincena a calquera semana do mes de agosto. Somos unha vila que ten a capacidade de ampliar unha tempada estival que comeza en Semana Santa e remata hoxe, con este peche da Festa do Marisco. Son cinco ou seis meses intensos, importantes e que se pechan con este derradeiro día da Festa do Marisco”. 

Cacabelos non agochou a ilusión que xa supón a “edición número sesenta e un, quen sabe se por fin coa denominación que merecemos, pero isto non é o prioritario: o Marisco ten unha longa vida e toca gozar do derradeiro día”, sentenciou.

Torta de queixo

Semella que chegou para quedarse. Este doce, que se estreaba no LX Aniversario da Festa do Marisco, e elaborado cos lácteos D.O. San Simón e Arzúa, foi o máis vendido con diferencia respecto á segunda opción, as filloas. Despacháronse máis de 1000 racións. 

O prato que se ‘afianza’ é o arroz de marisco, con máis de 5.000 pratos despachados, aínda que a estrela desta Festa do Marisco do Grove foron os mexillóns, superando as 5.500 racións. Vendéronse máis de 1,2 toneladas. Navallas, zamburiñas e polbo tiveron tamén gran aceptación.

Datos económicos

Tiquets vendidos: 186.028
Importe : 1.114.566,1 euros

Produtos máis demandados: 
1. Polbo, ración grande: 8570
1.1. Polbo, ración mediana: 2398
(Se sumamos ambos 10.968)
2. Arroz de mariscos: 10.603
3. Navallas: 8086
4. Zamburiñas: 8074

Postres: 
1. Torta de queixo: 1859
2. Filloas: 1430