EU insta ao Concello a aproveitar as axudas para o Embelecemento Turístico do Litoral

Cun investimento global que supera os 2,7 millóns de euros, a concelleira de Esquerda Unida, Susana Millán, realiza propostas concretas en cada unha das tres liñas subvencionables; Transición Verde Ecolóxica, Transición Dixital e Transición Accesible e Inclusiva.
Esquerda Unida busca
José Antonio Otero e Susana Millán, candidatos ás municipais de 2023 en O Grove. CEDIDA
photo_camera José Antonio Otero e Susana Millán, candidatos ás municipais de 2023 en O Grove. CEDIDA

O grupo municipal de Esquerda Unida do Grove insta ao Goberno local a aproveitar as oportunidades proporcionadas pola segunda convocatoria de axudas da Xunta de Galicia para o Embelecemento Turístico do Litoral, cun investimento global de máis de 2,7 millóns de euros.

A Xunta de Galicia, a través do Diario Oficial de Galicia, publicou a convocatoria destas subvencións que se poden solicitar ata o 5 de marzo. Así, Esquerda Unida, a través da súa concelleira, Susana Millán, presenta unha serie de propostas concretas para cada unha das liñas subvencionables.

Na Liña 1, correspondente á Transición Verde e Ecolóxica, a formación considera que se pode utilizar para mellorar e musealizar o Museo de Salga, potenciar as rutas Xacobea Mar de Arousa e a do Padre Sarmiento, recuperar e poñer en valor a ruta do litoral As Xentes e o Mar e mellorar os elementos e sinaléticas da zona de especial protección de aves do litoral grovense.

En canto á Transición Dixital (liña 2), Susana Millán entende que o concello pode aproveitala para crear códigos QR, guías turísticas interactivas e folletos dixitais, así como deseñar aplicacións para promover o destino e eventos, tales como a Festa do Marisco.

Por último, na liña 3, que inclúe a Transición Accesible e Inclusiva, dende EU propoñen mellorar a accesibilidade a espazos do litoral, como praias, paseos e miradoiros e adaptar a sinalética turística para que poida chegar ás persoas invidentes.

Millán exhorta ao Goberno local a valorar as propostas e, en todo caso, a convocar o Consello Local de Turismo pa consensuar e preparar proxectos sólidos para acollerse estas axudas antes de que finalice o prazo. Destacan a relevancia de investir nestas áreas para fomentar o turismo local e contribuír ao desenvolvemento sustentable do concello.