O Grove

David Torres (BNG): "O centro de saúde non se fixo por neglixencia do Goberno local"

O candidato do BNG, David Torres. DS
photo_camera O candidato do BNG, David Torres. DS

Dende o BNG aspiran a que O Grove sexa un referente no Salnés. Como o farían?
Primeiro temos que darlle a participación á veciñanza. Agora mesmo estamos nunha situación de imposición dende o Goberno local e queremos cambiar isto. Queremos darlle o mantemento que precisan todas as instalacións públicas, colexios, xardíns, rúas e impulsar a construción dun novo centro de día público, e tamén conseguir o novo centro de saúde, que leva moitos anos sen facerse pola neglixencia do Goberno local, que non pon os terreos cunha calificación urbanística a disposición da Xunta. Tamén fariamos un novo vial que lle dea servizo a toda a zona de Monte da Vila, e dotariamos ao concello de zonas de aparcamento. En definitiva, devolverlle a vida ao Grove.

Que obxectivo se fixa?
Hai que lembrar que o BNG gañou no Grove nas Autonómicas e a nosa meta é gobernar, é algo que se pode conseguir.

Ten sentido a idea dun pacto?
En principio presentámonos para gañar e gobernar O Grove en solitario. Se precisamos un pacto imos tratar coas forzas que teñan un programa similar ao noso para tratar de chegar ao Goberno. O PSOE non contou con nós nestes oito anos. Nós queremos contar con todos pero dubido que o PSOE entrara nese pacto. O PP por programa tampouco entraría, e quedan menos opcións, pero creo que si é real que se poida conseguir o Goberno do Grove. Hai que medrar pero creo que estamos en condicións de facelo. Tampouco necesariamente precisamos unha maioría absoluta. O diálogo fronte á imposición vai triunfar nestas eleccións.