O Concello inclúe importantes cambios no programa do Entroido 2023

O concurso de Comparsas celebrarase no Auditorio do Grove ▶ O festival infantil de disfraces terá lugar na Carpa do Entroido con novidades para a rapazada
Entroido de la provincia. DS
photo_camera Entroido na provincia. DS

O Concello do Grove xa ten lista a programación do Entroido 2023 que se desenvolverá dende o 16 ao 26 de febreiro.  O programa dará comezo o xoves 16 de febreiro co xa tradicional xoves de comadres e compadres en diferentes establecementos da vila. 

O venres 17 de febreiro, a partir das 17.00 horas, terá lugar na Carpa do Entroido situada na Praza do Corgo unha Festa Infantil con música, animación e xogos a cargo de Barafunda. A noite do venres tamén se celebrarán actos en diferentes establecementos como o venres de Jarana e o venres de Caballiteras. 

Festival de comparsas

Xa o sábado 18, terá lugar O Festival de comparsas 2023 que este ano celebrarase no Auditorio do Grove. As entradas poderán adquirirse o propio sábado 18 no pavillón municipal dos deportes en horario de 10.30 a 14.00 horas e, en caso de non rematar as entradas nese horario, a partir das 16.30 horas. 

O Festival transmitirase en directo a través de Todogrove e, así mesmo, colocarase unha pantalla na zona exterior para que todas e todos poidan seguilo en tempo real.

Domingo de Entroido

O domingo 19 de febreiro aqueles que non puideran asistir ao Festival de comparsas poderán ter a ocasión de escoitalas na ruta das comparsas polos bares do Grove.

Pola tarde terá lugar a partir das 19.00 horas o Festival Infantil de Disfraces amenizado por Javi Solla con importantes melloras. Celebrarase na Carpa do Entroido situada na Praza do Corgo e ofrecerase pintacaras,  maquillaxe glitter así como algodón de azucre e chocolate con churros. 

Gran Marcha do Entroido Meco

O martes 21 de febreiro celebrarase a Gran Marcha do Entroido Meco durante o cal se repartirán 7.125,00 € en premios. Outro dos cambios está dirixido a facilitar a participación no concurso para o que  se permitirá a inscrición on line a través do correo electrónico [email protected]. As follas de inscrición poderán descargarse na páxina Web do Concello, na páxina de Facebook ou solicitalas a través do citado correo electrónico.  

A entrega de Premios terá lugar o mesmo martes 21 de febreiro nunha Festa con animación do DJ Studio 21 a partir das 20.30 horas na Carpa do Entroido.

Enterro da sardiña

O venres 24 de febreiro instalarase a capela ardente na Praza do Corgo para velar á finada e ás 20.00 horas sairá a comitiva fúnebre desde a Praza do Corgo ata o lugar de incineración.

Entroido en San Vicente

O sábado 25 de febreiro celebrarase a partir das 16.00 horas a Concentración de Choqueiros, queima do vimbio e actuación de comparsas en San Vicente. Festa que continuará o domingo 26 de febreiro a partir das 12.00 horas na Casa da Cultura “Ángel Vázquez Hereder”

Desfile e concurso canino CANnaval

Así mesmo, o domingo 26 a asociación canina do Grove ACADOG organiza o concurso canino CANnaval. A concentración e inscrición realizarase ás 11.00 horas na Praza do Corgo. A continuación realizarase un desfile polas rúas Corgo, Castelao e Platería, para rematar co concurso e entrega de premios na Praza do Corgo.