O Grove, primeira parada para o programa 'Activistas polo Mundo que Queremos'

Catro centros educativos da provincia de Pontevedra sumánse este ano ao proxecto que celebra a súa X edición ▶ Xa pasaron polas súas aulas máis de 4300 mozos e mozas e 240 profesores e profesoras

Alumnado do IES Afonso X O Sabio de Cambre nunha das actividades do proxecto na edición 2021-2022/ Activistas polo mundo que queremos. CEDIDA
photo_camera Alumnado do IES Afonso X O Sabio de Cambre nunha das actividades do proxecto na edición 2021-2022/ Activistas polo mundo que queremos. CEDIDA

Mañá martes 15 de novembro dará comezo unha nova edición do proxecto de educación en valores Activistas polo Mundo que Queremos que busca xerar activismos xuvenís nos eidos do feminismo, o medio ambiente, o antirracismo e a loita LGTBI en centros educativos de toda Galicia. A actividade forma parte da plataforma de innovación educativa Plan Proxecta, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

A primeira cita levará ao equipo ata o CPI Alcalde Xosé Manuel Pichel en Coristanco e ao IES As Bizocas do Grove. Nos vindeiros días sumaranse tamén os centros da cidade de Pontevedra IES Luís Seoane e IES Montecelo, o centro vigués IES Valadares e o IES María Casares en Oleiros.

Nesta primeira toma de contacto no mes de novembro, case seiscentos estudantes achegaranse a o concepto de “activismo”, en torno ao que xira o proxecto, cun itinerario composto por sete obradoiros denominados “paradas”, que se desenvolverán ao longo de todo o curso escolar. O obxectivo final consiste en formar unha cidadanía activa e crítica, que identifique e combata as ameazas arredor da convivencia.

Pero sen dúbida esta será unha edición moi especial xa que o proxecto cumpre o seu décimo aniversario. Nestes dez anos de vida Activistas polo Mundo que Queremos chegou a máis 4300 mozos e mozas, a 240 profesores e profesoras e a 56 centros educativos a os que se suman os seis deste ano.

O percorrido didáctico que realizará o alumnado neste curso mestura a formación presencial coa online e establece as seguintes paradas:

-        Parada 1 (presencial). Novembro. Que significa ser activista? Primeiro obradoiro para dar a coñecer o proxecto, a aula virtual e os conceptos cos que imos traballar.

-        Parada 2 (presencial). Decembro. Comunicación transformadora. Analizamos os medios de comunicación de masas e as redes sociais dende unha perspectiva crítica.

-        Parada 3 (virtual). Xaneiro. Os activismos. A rapazada achégase ás principais desigualdades (medioambiental, feminista, antirracista e LGTBI) e coñece as maneiras de actuar na súa contorna a nivel local contra problemas que teñen repercusión global.

-        Parada 4 (virtual). Febreiro. Guións radiofónicos. Creamos os guións para as nosas pezas radiofónicas, dedicadas a un dos catro activismos propostos.

-        Parada 5 (presencial). Marzo. Obradoiro de radio. O alumnado crea o seu propio programa de radio de combate, que se grava de maneira conxunta na aula.

-        Parada 6 (virtual). Abril. Outros contextos sociais. Coñecemos a loita de activistas procedentes doutras partes do mundo.

-        Parada 7 (presencial). Abril. Encontros con activistas do Sur. Persoas implicadas nas loitas contra as diferentes desigualdades tratadas co alumnado visitan os centros educativos e achegan os seus desafíos e as ferramentas empregadas para combatelos.

Estas sete paradas son froito da colaboración das catro entidades implicadas neste proxecto: As ONGDs Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e a cooperativa Feitoría Verde,  co financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE.