A Banda da Loba actuará no Grove este martes 25 de xullo no marco do programa 'Musigal'

O grupo ofrecerá, neste Día de Galicia, un concerto na praza do Corgo ás 21.30 horas enmarcado pola iniciativa da Deputación de Pontevedra
Público en un concierto en directo. GONZALO GARCÍA
photo_camera Público en un concierto en directo. GONZALO GARCÍA

O programa provincial Musigal, posto en marcha pola Deputación de Pontevedra para contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia, chega este martes, 25 de xullo, Día de Galicia, ao Concello do Grove coa actuación do grupo A Banda da Loba. O concerto terá lugar na Praza do Corgo da vila ás 21.30 horas.

A Banda da Loba, formada por cinco mulleres (Andrea, Estela, Inés, Marcela e Xiana), é unha das formacións máis consolidadas do panorama musical galego actual. Coa poesía e a lingua como referentes, ofrecen composicións propias con letras tamén súas ou inspiradas nos poemarios de escritores/as clásicos/as e contemporáneos como Rosalía, Celso Emilio, Celia Parra, Andrea Nunes ou Rosalía Fernández Rial.

En 2017 publicaron o seu primeiro traballo discográfico, Bailando as rúas, co que acadaron un gran éxito, dando máis de 70 concertos en ano e medio. Posteriormente lanzaron Fábrica de luz, un traballo de creación, reflexión e homenaxe en torno ás nais e o EP Hasme oír, dedicado a Xela Arias, con catro cancións baseadas na obra da autora. O seu último traballo é Xabón Lagarta (2022) inspirado no universo vital das lavandeiras. O grupo conta no seu haber con varios premios, como o Aritmar Galicia e Portugal á Mellor Canción en Lingua Galega, que compartiron con Salvador Sobral como gañador á Mellor Canción en Lingua Portuguesa, ou o Martín Códax da Música Galega na categoría de pop/indie no 2021.