O Grove acollerá catro representacións no primeiro semestre da Rede Galega de Teatros e Auditorios

Güela Güela, Os Fabulosos Cleaners, Morte accidental dun anarquista e As Alumnas serán as obras representadas
Representación de Güela Güela. DS
photo_camera Representación de Güela Güela. DS

O Auditorio do Grove inicia o primeiro semestre do 2024 da Rede Galega de Teatros e Auditorios cunha ampla programación. O programa desenvolverase entre os meses de marzo e xuño e estará integrado por catro espectáculos, dous deles para público xuvenil e adulto, un espectáculo para todos os públicos e un espectáculo dirixido a público familiar e rapazada a partir de 2 anos.

Güela Güela. 17 de marzo, 18.00 horas

Güela Guela é un musical dirixido a público familiar, a partir de 2 anos, a cargo da compañía Galitoon, baseado na obra Concerto de aves de Frans Snyders. Un espectáculo sorprendente de luz negra e muppets, de gran plasticidade, moi visual e cargado de emocións e música que fará as delicias da rapazada e os seus maiores. 

Unha sinxela trama, unha sinxela aventura pero que manterá ao público pegado aos asentos de principio a fin. O movemento, o ritmo, a música e a presenza dos personaxes nun contexto concreto: o voo dos paxaros no aire.

Desde sempre, a misión das cegoñas foi levar os bebés recentemente nados aos brazos dos seus papás, voando sempre en grupos ou bandadas. Para iso, foron dotadas duns picos longos e fortes, unhas ás grandes e poderosas e unha forma de voar elegante e firme. Pero un día, Güily, unha pequena cegoñiña, decidiu que xa era maior para levar un hatillo cun bebé aos seus futuros papás.

Aquí comeza a gran aventura e unha historia cargada de diversión, humor e música, que realza a importancia da amizade, a solidariedade e a familia pero, sobre todo, de “voar” sempre en grupo e nunca só, para protexernos dos perigos que nos podemos atopar...

As entradas poderán adquirirse na Biblioteca Municipal o venres 15 de marzo ou no propio Auditorio do Grove o domingo 17, de 16.30 a 17.45 horas.

Os Fabulosos Cleaners. 14 de abril, 18.00 horas

O 14 de abril, o Auditorio do Grove acollerá a representación do espectáculo Os fabulosos cleaners de Malasombra Producións. Trátase dun espectáculo para todas as idades, creado por Luis Beviá e Xoque Carbajal, con dirección de Marcos Orsi e Xoque Carbajal e interpretado por Xoque acompañado de Jouse García. 

Carbajal e García interpretan a dous operarios da limpeza do teatro que descobren por casualidade as múltiples posibilidades que lles ofrecen as súas ferramentas de traballo combinadas con auga e xabón. A partir de aí, os personaxes emprenderán unha viaxe fantástica conducidos polas pompas e burbullas.

Os intérpretes sorprenderán ao público con burbullas transparentes, con fume, con vapor, pequenas, grandes, estáticas ou voando polo escenario. Será un espectáculo cheo de cor e de moito humor, que encherá o patio de butacas de miles de pompas de xabón.

As entradas poderán adquirirse na Biblioteca Municipal o venres 12 de abril ou no propio Auditorio do Grove o domingo 14 de abril, de 16.30 a 17.45 horas.

Morte accidental dun anarquista. 27 de abril, 20.30 horas

Talía Teatro interpretará o 27 de abril no Auditorio do Grove unha comedia,  adaptación da clásica obra do italiano Darío Fo, Morte accidental dun anarquista, producida integramente en galego.
A obra é un sainete político, unha disputada e reflexiva comedia que, aínda cincuenta anos despois de ser escrita, segue aportando sons que, dun xeito máis ou menos directo ou metafórico, segue reverberando aínda nos muros da actualidade.

Orixinalmente escrita polo dramaturgo italiano Dario Fo, a obra foi estreada en 1970, e os sucesos narrados baséanse nun feito real que ocorreu nos Estados Unidos nos anos 20, cando un emigrante italiano caeu por unha fiestra do edificio do FBI en Nova York. Utilizando o suceso como pretexto, Fo retrata a un home retido na xefatura de Policía acusado de impostor. Durante os tres anos seguintes á súa estrea, “Morte accidental dun anarquista” foi a obra máis vista en Italia, sumando máis dun millón de espectadores.

Á cabeza da obra está Cándido Pazó, director, narrador e actor galego e o elenco complétano Toño Casais, Dani Trillo, Xurxo Barcala, Rubén Prieto, Artur Trillo, Diego Rey e Marta Ríos.
As entradas poderán adquirirse na Biblioteca Municipal o venres 26 de abril ou no propio Auditorio do Grove o sábado 27 de abril, de 17.30 a 20.15 horas.

As Alumnas. 2 de xuño, 19.30 horas

A educación, peza fundamental no desenvolvemento e na liberdade das persoas, especialmente das mulleres, é o eixo fundamental desta nova peza de Culturactiva Producións que se representará o domingo 2 de xuño ás 19.30 horas no Auditorio do Grove.

Anabell Gago e Mónica Camaño, dirixidas por Fina Calleja e con texto de Paula Carballeira, métense na pel de dúas antigas alumnas de María Barbeito que se volven a atopar  trala morte da mestra, en 1970. Atrás queda a infancia e o mundo que lles abriu esa profesora antes de que o Comité de Depuración afastásea do seu traballo na escola. Son as dúas únicas alumnas que lle escribiron cartas contándolle o que foi das súas vidas. A través desa correspondencia, o público descubrirá como as decisións marcan os nosos destinos, e o medo, e a rebeldía.

As Alumnas é un espectáculo sobre xustiza social, memoria histórica e sobre as mulleres como María Barbeito, que loitaron pola educación e a igualdade en Galicia. As entradas poderán adquirirse na Biblioteca Municipal o venres 31 de maio ou no propio Auditorio do Grove o domingo 2 de xuño, de 17.30 a 19.15 horas.