A ANPA do CEIP Rosalía de Castro denuncia a falta de atención por parte do Concello

Aseguran levar meses reclamando unha serie de actuacións e melloras que consideran "imprescindibles" para o centro e que non se cumpren
CEIP Rosalía de Castro en O Grove. DS
photo_camera CEIP Rosalía de Castro en O Grove. DS

A Asociación de Nais e Pais do CEIP Rosalía de Castro de O Grove manifestou o seu profundo malestar e decepción ante a falta de atención e cumprimento por parte do Concello de O Grove e da Xunta de Galicia respecto das demandas e necesidades do centro educativo. 

Dende a asociación levan meses reclamando unha serie de actuacións e melloras que consideran imprescindibles para garantir a seguridade, o benestar e a calidade educativa dos seus fillos e fillas. Entre elas, destacan a limpeza e adecuación do parque infantil, a poda do árbore que invade o espazo do parque, a reparación de varias fiestras, unha solución ao problema da recollida de lixo ou ao problema do acceso dos autobuses ao centro. 

Estas cuestións foron trasladadas á nova concelleira de Educación tras as eleccións municipais co propósito de que estivesen executadas antes do comezo do curso. Ata a data, explican, "só conseguimos que se realicen algunhas actuacións de forma puntual e tras moita insistencia e denuncias públicas nas redes sociais por parte das nais e pais. Isto parécenos unha falta de respecto e de compromiso coa comunidade educativa e co interese xeral". 

"Doutra banda, tamén queremos expresar a nosa indignación ante a pasividade e o desinterese da Xunta de Galicia, que leva tempo prometendo unhas obras de ampliación e mellora do centro que nunca chegan. Estas obras consisten na construción dun pavillón novo, un comedor e varias aulas, aproveitando as instalacións das antigas vivendas dos mestres". A agrupación de pais e nais explica que estas obras son necesarias para dar resposta ao aumento da matrícula, á diversidade do alumnado e ás novas esixencias pedagóxicas. 

En febreiro deste ano anunciouse a redacción dun proxecto para estas obras e, a pesar das visitas de técnicas da administración ao centro nos últimos días, non ven avances significativos nunha reforma tan necesaria para o CEIP Rosalía de Castro. "Tampouco vimos reflectida ningunha partida destinada a este fin nos orzamentos da Xunta para o 2024, o que nos fai pensar que se trata dunha nova toma de pelo e dunha falta de vontade política para atender as demandas do noso centro". 

Ademais, lamentan profundamente que, a pesar dos seus esforzos por ter información sobre as obras e establecer un diálogo construtivo, a administración autonómica non teña esa mesma consideración. "Hai un mes solicitamos unha reunión co delegado territorial da Xunta, a cal nos foi concedida, pero esta foi cancelada horas despois sen ofrecernos unha nova data. Dende entón, non tivemos ningunha resposta nin explicación". 

Así, a ANPA do CEIP Rosalía de Castro de O Grove insta ao Concello e á Xunta de Galicia a tomar medidas inmediatas para abordar estas cuestións e cumprir cos compromisos adquiridos. "Os nosos fillos e fillas merecen un entorno educativo seguro, limpo e adecuado para o seu desenvolvemento, e non descansaremos ata que estas necesidades sexan atendidas de maneira satisfactoria. Estamos dispostos a continuar loitando polo benestar da nosa comunidade escolar e esperamos que as autoridades estean á altura das súas responsabilidades", sentencian.