A Xunta aceptará a cesión dun terreo de 1931 m2 para o centro de saúde de Meis

O enclave sanitario xurde de unificar a atención dos 3 centros existentes nunha única infraestrutura, que permitirá contar con novos espazos e mellorar a prestación da asistencia á cidadanía

O conselleiro Julio García Comesaña visitou en outubro os terreos sobre os que se levantará o centro de saúde de Meis. ADP
photo_camera O conselleiro Julio García Comesaña visitou en outubro os terreos sobre os que se levantará o centro de saúde de Meis. ADP

O Consello da Xunta aceptará na súa reunión de este xoves a cesión dun terreo de 1.931 m2 emprazado no lugar de Rial, na parroquia de San Lorenzo de Nogueira, no Concello de Meis, onde se construirá o novo centro de saúde deste municipio da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Este novo emplazamento sanitario do municipio figura na fase 2 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado polo Consello da Xunta en outubro de 2021. Na diagnose do Plan priorizouse a construción do novo centro de saúde ante a necesidade de unificar a atención dos 3 centros existentes nunha única infraestrutura sanitaria, que permitirá poder contar con novos espazos para a prestación da asistencia sanitaria.

Máis prestacións

O plan funcional prevé unhas novas instalacións que contarán con 3 consultas de medicina, 3 de enfermería, 1 sala polivalente, 1 sala de toma de mostras e área pediátrica con 2 consultas, 1 consulta de matrona e sala de educación sanitaria.

Paralelamente, o goberno galego xa está dando trámite administrativo á encomenda de xestión por parte da Consellería de Sanidade á Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) para que esta axencia poida encargarse da xestión das actuacións en relación coa redacción do proxecto e a execución das obras de construción deste novo centro, de xeito que unha vez esta encomenda de xestión estea aprobada e publicada no Diario Oficial de Galicia, a AXI poida iniciar a licitación, en primeiro lugar, do proxecto arquitectónico do edificio.