Sanidade confirma o inicio dos procedementos para licitar o novo de centro de saúde

A popular Marta Lucio destaca que o Goberno galego está cumprindo con todos os compromisos para dotar ao concello dunhas “instalacións sanitarias con mellores prestacións, máis cómodas, amplas, un edificio moderno que reunificará todos os recursos médicos e que pronto será unha realidade”
Marta Lucio na reunión mantida co Conselleiro de Sanidade, Julio Comesaña. CEDIDA
photo_camera Marta Lucio na reunión mantida co Conselleiro de Sanidade, Julio Comesaña. CEDIDA

A candidata do PP á alcaldía de Meis, Marta Lucio, mantivo no Parlamento de Galicia unha reunión co Conselleiro de Sanidade, Julio Comesaña, para interesarse polo estado do novo centro de saúde que se vai construír neste concello, unha infraestrutura sanitaria que, segundo sinala a popular, “é fundamental non só para mellorar a calidade na atención e nos servizos, senón tamén para aumentar a carteira sanitaria no municipio”.

Así, García Comesaña confirmoulle que a consellería de Sanidade xa realizou a encomenda de xestión á Axencia Galega de Infraestruturas para proceder á licitación do proxecto do novo centro de saúde de Meis. E afirmou tamén que o servizo de Patrimonio de Sergas púxose en contacto co concello para solicitar a documentación necesaria para completar o proceso de cesión da parcela á Xunta.

Lucio amosa a súa satisfacción porque “o Goberno galego está cumprindo os compromisos que adquiriu para dotar desta infraestrutura aos veciños de Meis. O Goberno do PP na Xunta está acelerando todos os pasos para ofrecer aos veciños de Meis unhas instalacións sanitarias con mellores prestacións, máis cómodas, amplas, un edificio moderno que reunificará todos os recursos médicos e que pronto será unha realidade”.

Por último, a alcaldable popular tamén se interesou pola situación das prazas de médicos de familia en Meis, sobre as que lle adiantaron que desde o Sergas están facendo xa todas as xestións para cubrir de forma inmediata a xubilación prevista. No que respecta ao servizo de pediatría, nos próximos días incorporarase unha enfermeira de apoio.