A Ruta da Pedra e da Auga, nova parada do programa 'Bosques Terapéuticos'

A ruta que pasa polo Salnés celebrarase os días 29 de abril, 21 de maio, 10 de xuño e 23 xullo ▶ O vindeiro luns, 10 de abril, abriranse as inscricións para as primeiras seis rutas deste mes de abril e as persoas interesadas poderán anotarse na web da Deputación. 
Ruta da Pedra da auga. DAVID FREIRE
photo_camera Unha das paisaxes naturais polas que discurre a Ruta da Pedra da auga. DAVID FREIRE

Volven os Bosques Terapéuticos, a proposta provincial de lecer, cultural e terapéutica que invita a desfrutar da natureza e dos beneficios dos chamados “baños de bosque” nos espazos naturais da provincia. A partir do 15 de abril e ata o 20 de agosto haberá un total de 38 rutas por sete paraxes situados nos concellos de Marín, Vilaboa, Poio, Silleda, Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro, Vigo e Meis, cun total de 570 prazas. O vindeiro luns, 10 de abril, abriranse as inscricións para as primeiras seis rutas deste mes de abril e as persoas interesadas poderán anotarse na web da Deputación. 

Esta é -como destacou a deputada provincial de Medio Ambiente, Iria Lamas- “unha actividade integral e participativa na que se prima a propia experiencia das persoas co medio natural da contorna e, amais, trátase dunha terapia que cada vez máis estudos definen como beneficiosa para a saúde e para a prevención mesmo de enfermidades”. Así, a través dunha ruta guiada danse a coñecer os espazos naturais e, de xeito especial a posta en valor dos beneficios destes “baños de bosque”, que permiten “conectar coa natureza empregando todos os sentidos favorecendo, por exemplo, a percepción de diversas texturas ou cheiros na natureza, sempre coa premisa da conservación da contorna”. 

No que respecta ao Salnés, o itinerario levarase a cabo a través da pai.saxe natural da Ruta da Pedra e da Auga, no municipio de Meis. A ruta que pasa polo Salnés celebrarase os días 29 de abril, 21 de maio, 10 de xuño23 xullo. Serán 15 prazas as ofertadas, tendo en conta as especiais condicións de tranquilidade e respecto á natureza que se necesitan para o desenvolvemento desta actividade. Por iso as visitas, destinadas a público xeral (os e as menores deberán ir acompañados) e cunha duración de entre hora e media e 2 horas, comezarán ás 10 horas para a procura de tranquilidade e conexión coa natureza. Ademais as persoas participantes deberán gardar as normas de silencio e de respecto ao grupo, á actividade e ao espazo, indicadas pola persoa guía.

As inscricións para as visitas abriranse de mes en mes. Deste xeito, a partir do vindeiro día 10 de abril, ás 9 horas, as persoas que desexen participar nalgunhas das 6 rutas de abril poderán inscribirse a través do formulario que atoparán na web provincial. Despois, para os baños de bosque de maio as inscricións comezarán o 17 de abril. No caso das de xuño, o prazo iniciarase o 15 de maio, para as de xullo arrancará o 12 de xuño e para as de agosto, o 17 de xullo. En todos os casos, o prazo rematará dous días antes da ruta.