O PSdeG-PSOE cualifica de “intolerable" o peche da oficina de Turismo de Armenteira

Visita ao Mosteiro da Armenteira de Javier Mougán, Marta Giráldez e Ana Laura Iglesias. DS
Según fontes do Partido Popular na Deputación de Pontevedra, "estamos ante un problema herdado polo fracaso nas xestións do anterior goberno provincial"

O Grupo Provincial do PSDG-PSOE instou ao presidente da Deputación de Pontevedra “a dar explicacións urxentes ante o sorprendente peche da Oficina de Turismo do Mosteiro de Armenteira, unha das oficinas máis relevantes da Rede Info Rías Baixas e de xestión directa da propia institución provincial”. A portavoz socialista, Ana Laura Iglesias, que visitou este sábado o Mosteiro acompañada do deputado Javier Mougán e da alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, manifestou a súa estupefacción ante o ocorrido no Mosteiro onde as monxas se atoparon este venres coa oficina pechada e completamente desmantelada: “leváronse as mesas, cadeiras, o mostrador e ata as estanterías sen que ninguén dixera porque”. 

A deputada sinalou que “resulta indignante que, por enriba, fixeran semellante desfeita con nocturnidade e aleivosía, xa que as monxas fixeron chegar ao goberno de Luís López o seu desexo de renovar o convenio que o Mosteiro ten coa Deputación e nunca tiveron contestación ata agora que atoparon a oficina desmantelada”. Iglesias lamentou tamén o  “lamentable procedemento de levarse todo sen informar ás relixiosas, que nos trasladaron a súa preocupación xa que, amais, esta Oficina xestionaba as visitas guiadas ao Mosteiro, e era unha referencia para milleiros de peregrinos e peregrinas que realizan a variante espiritual do Camiño Portugués”.

Pola súa parte, fontes do Partido Popular que agora ocupa o goberno provincial, apuntan que "estamos ante un problema herdado polo fracaso nas xestións do anterior goberno provincial. Desde polo menos o ano 2021, o anterior executivo provincial --do que Ana Laura Iglesias era deputada de Turismo-- tiña constancia das dificultades existentes para realizar visitas guiadas á Igrexa de Armenteira, principal atractivo que xustifica a presenza dunha Oficina de Turismo no Mosteiro. Como consecuencia desta dificultade motivou, produciuse unha caída importante no número de visitas á Oficina".

"O actual goberno decidiu non prorrogar un ano máis o convenio da cesión dun espazo para a oficina mentres non se garanta a posibilidade de realizar visitas ao complexo", apuntan os populares. "En ningún caso as Irmás da Comunidade Cisterciense do Mosteiro descoñecían o cese de actividade da Oficina. Ao contrario, foi a propia Comunidade quen se dirixiu a Turismo por escrito para liberar o espazo que ocupaba a Oficina, tal e como reflicte o convenio".

A resposta do PP finaliza cun compromiso. "Á marxe das consideracións espirituais, a Deputación de Pontevedra salienta que o Mosteiro de Armenteira é un activo de enorme valor cultural e turístico que debe dispoñer dun réxime de visitas abertas ao público".

Tamén había amosado o seu descontento a a alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, que cualificou de “intolerable a actuación da Deputación que non comunicou nada ao Concello para explicar as razóns deste peche insólito e prescinde dunha oficina no lugar máis emblemático da comarca, con gran movemento, deixando desasistido ao turismo e ás persoas peregrinas que se achegan ao Mosteiro que é á Catedral do Salnés. É incomprensible e reivindicamos a súa reapertura inmediata polo enorme dano que fan á nosa comarca. A alcaldesa mostrou tamén a súa incredulidade polas formas coas que o goberno provincial actuou co desmantelamento “sen avisar a ninguén”.