O PP de Meis propón por unanimidade a Marta Lucio como candidata ás municipais

Joaquín Martínez, compañeiro de Lucio no grupo municipal, será o número dous da candidatura
Imaxe da presentación de Marta Lucio como candidata do PP de Meis. CEDIDA
photo_camera Imaxe da presentación de Marta Lucio como candidata do PP de Meis. CEDIDA

A executiva local do Partido Popular decidiu por unanimidade que Marta Lucio sexa a candidata á alcaldía de Meis en maio do ano próximo. Así o decidiron na reunión que mantiveron a pasada semana, na que os populares coincidían en que é a persoa “idónea” para encabezar a candidatura, “e por iso ten o respaldo absoluto do PP local”.  

Deste xeito, a concelleira e voceira do grupo municipal, dá un paso adiante tras a renuncia de José Luis Pérez. Di que o fai coa ilusión de crear “un equipo forte, comprometido e unido co que recuperar a confianza dos veciños  e devolver a Meis un goberno que ofreza estabilidade e crecemento”. Para conseguilo, entende que “é fundamental seguir traballando unidos e cun proxecto sólido”, e por iso Lucio amosa o seu agradecemento “polo apoio e a confianza”, e comprométese e a seguir traballando “parroquia por parroquia, escoitando e atendendo as necesidades dos veciños”. Nesta liña, indica que “é necesario que intensifiquemos o noso traballo. Somos a opción segura, a experiencia conta e no Partido Popular de Meis temos moitos anos de experiencia en gobernar, que non é o mesmo que ocupar os gobernos sen facer nada”. 

Ademais, a popular xa anunciou ante o comité executivo que como número dous da súa candidatura contará con Joaquín Martínez, compañeiro de Marta Lucio no grupo municipal.

Marta Lucio é licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. Despois de unha década como responsable da Área de Xestión Cultural da Deputación de Pontevedra, desde 2011 é directora do Museo do Mar de Galicia. Tras encabezar a lista do PP de Pontevedra, entre 2015 e 2019 foi Senadora, e desde xuño dese mesmo ano, é concelleira do Partido Popular en Meis.