Marta Giráldez (PSOE): "Fixemos unha transformación de Meis sen apenas recursos"

A alcaldesa busca revalidar o seu posto na Alcaldía, neste caso a través dunha maioría absoluta. "Nós optamos, fundamentalmente, a gobernar este concello con maioría"
Marta Giráldez. candidata do PSOE de Meis. DS
photo_camera Marta Giráldez. candidata do PSOE de Meis. DS

Nas pasadas eleccións converteuse na primeira muller alcaldesa de Meis. Que supuxo este feito?
O feito de que haxa unha muller alcaldesa é algo importante, porque que as mulleres esten involucradas na vida política non debería ser algo excepcional. Despois de tantos anos de democracia, quere dicir que non está normalizado que as mulleres teñan un papel importante na vida política. Este ano hai máis candidatas e iso é positivo. Polo que temos que apostar os partidos políticos, é que as mulleres vaian na lista pero representando o que representamos, que somos máis dun 50%, nos postos que se correspondan. Non se deben de levar mulleres para rechear listas, senón que teñen que ir en postos de saída igual que van os homes.

No 2019 logrou facerse coa alcaldía grazas ao apoio do BNG. Estaría disposta a repetir este pacto para revalidar o seu cargo?
Nós optamos, fundamentalmente, a gobernar este concello con maioría. Penso que os veciños e veciñas saben do traballo feito durante estes anos, pero tamén saben sobre todo dos atrancos que puxo a oposición en temas moi importantes para o futuro deste concello como foi a compra da finca para o centro de saúde e posteriormente a compra da finca de Parga, que era todo a misma compra, na que a oposición non estivo a altura das expectativas que os veciños esperaban deles. Ou o que pasou co contrato do lixo, na que a oposición do Partido Popular puxo todos os atrancos posibles boicoteando algo que é moi positivo para o Concello, que é o servizo de recollida de lixo, moitísimo mellor do que tiñamos. Por iso, optamos a gobernar este concello en solitario, cunha maioría sólida, que permita que sigamos transformando o noso municipio os vindeiros catro anos sen atrancos de ningúen.

A defensa da sanidade é fundamental para garantir a calidade de vida dos veciños e veciñas de Meis. Cales son os pasos a seguir para acadar un mellor servizo?
O paso a seguir é que a Xunta cumpra co Concello de Meis, que non o está a facer, ao igual que non o está a facer con moitísimos concellos da comarca. O que me dá moita pena é que este problema que temos en Meis non é só de aquí, senón de todo o Salnés, e vin ao Partido Popular de toda a comarca reivindicar polos seus concellos. O único no que o PP estivo calado foi en Meis. O Partido Popular non ten lexitimidade para pedirlle o voto aos veciños de Méis, porque no que máis precisaban, sobre todo en pandemia, queda unha sanidade á altura das circunstancias, e o Partido Popular calou, foi cómplice da Xunta de Galicia e por tanto cómplice da falta de médicos no Concello de Méis. A min alegrábame cando vía a outros concellos de distinto color político, na que todos os partidos ían a unha, reivindicando unha Atención Primaria, que é o que aquí nos faia: a falta de pediatras, de enfermeiros, a falta de médicos de Atención Primaria, que houbo días, incluso cando viu o concelleiro a visitar o municipio, que non había ningún no centro de saúde. E iso é un fundamental. E logo o centro de saúde, que é moi importante para un concello como Meis, e temos un centro de saúde moi obsoleto. Pero de nada serve ter un centro de saúde novo e dotado de toda a maquinaria e infraestrutura que faga falta se logo non temos médicos. A reivindicación fundamental de sanidade é ter médicos que nos asistan cando os precisamos. E logo, que a Xunta cumpra co Concello de Meis.

As suas propostas estrela son: a ampliación da escola infantil, a creación dun centro de día público e extender a rede de saneamento. Que outras ideas teñen na mente?
Tamén temos as vivendas sociais, as vivendas de proteción porque na actualidade non as temos e agora adaptámonos á nova lei do goberno, e hai algún edificio en Meis que se adapta para poder obter estas vivendas sociais. Logo temos proxectos de humanización en torno ás parroquias, xa que hai unhas beirarrúas que están moi obsoletas e non son accesibles. Imos seguir facendo obras de reforma en todos os centros educativos. Aínda que non nos compete, como vai a pasar nos próximos días no CPI, que imos facer un muro de contención que lle competería á Xunta de Galicia. E logo temos melloras nos equipamentos deportivos, nos campos de fútbol. Temos proposta de construcción de novos equipamentos deportivos para poñernos á altura dos concellos que nos rodean. Non temos pistas de tenis nin de padel. En definitiva, ter servizos mínimos para que a xente poida dende a maña, ata noite, facer todo tipo de actividades, tanto de ocio como familiares. E para iso é fundamental seguir apoiando os servicios de conciliación.

Na súa presentación destacaron 20 logros ao longo do seu goberno. Cales serían os tres que consideran máis relevantes?
Seguramente sexan a compra da finca do centro de saúde e a finca de Parga; o segundo, a obra do Pabillón Municipal de Deportes, que cando chegamos , cada vez que chovía se inundaba. E non é que conseguiramos rehabilitar un pabillón, senón que conseguimos rehabilitar un pabillón cunha obra que custou máis de 600.000 euros, dos cales ao Concello apenas lle custa 16.000. E o último logro máis importante seguramente sexa a aposta polo saneamento. Nestes anos investimos 600.000 euros nesta área.

Que balance fai destes catro anos de mandato?
Foron catro anos nos que fixemos unha transformación en moi pouco tempo e con tan poucos medios. O que puxemos por enriba de todo foron as persoas, e as políticas sociais foron moi importantes neste proceso. Triplicamos a partida orzamentaria en servizos sociais e iso levou a que puxeramos en marcha proxectos como o banco de alimentos solidario, ou o roupeiro solidario, que é un proyecto polo que nos chaman de toda España, xa que é algo único. Non é un roupeiro no que a xente se pón á cola para que che den unhas pezas de roupa que precisas, senón que é como unha tenda á que a xente vai e decide o que quere coller e o que non. Eu creo que as políticas sociais, que por desgraza tivemos que por en marcha debido á pandemia, transformaron tamén a nosa forma de facer política. O resumo é que a imaxe do Concello cambiou por completo. Nunca tanto nin tan ben se falou de Méis, co goberno máis austero da historia, cun único salario repartido entre tres persoas. O traballo que fixemos con tan poucos medios foi excepcional.

E cales son os erros que non repetirían de vencer o vindeiro 28M?
Seguramente que se cometeron erros, evidentemente, pero só se cometeron por facer as cousas. Seguramente tivemos erros en canto á execución dalgún proxecto, ou que ao mellor non puidemos chegar a onde os veciños nos pedíron, ou non demos para máis. Desos erros temos que aprender. Cando chegas, non é fácil gobernar. Nós non tiñamos experiencia de goberno, e queres acaparar todo, e ao final daste conta que tes que priorizar. Para min era fundamental cambiar no noso concello, e iso algo que non demos feito e que temos que facer se seguimos gobernando, que é contratar máis persoal que traballe os 365 días no Concello de Meis, xa que somos o municipio máis grande de toda a comarca, e traballadores fixos de plantel de servizos temos soamente 6 persoas. Iso témolo que mellorar.

Preséntase cunha lista con persoas de todas as idades e pertencentes a diversos eidos. Busca con ela que sexa un reflexo da sociedade de Meis?
Efectivamente, levamos xente dende amas de casa, xente involucrada no asociacionismo, do ámbito deportivo, cultural, xente de todo tipo de profesións e de todas as idades. O que queremos é que a poboación de Meis se vexa reflexada en nós.