Luis López reforza a candidatura de Marta Lucio durante a tradicional subida do PP á Romería das Cabezas

Subliñou aos concellos populares como "referentes" na comarca do Salnés, “fronte a outros que se centran máis na palabrería e na propaganda que en aportar solucións serias e eficaces”
Representantes populares durante o roteiro en Meis. DS
photo_camera Representantes populares durante o roteiro en Meis. DS

O Partido Popular recuperou durante a mañá deste luns a súa tradicional subida á Romería das Cabezas pola ruta da Pedra e da Auga, na que participaron o presidente provincial, Luis López, a secretaria xeral, Luisa Piñeiro, e os candidatos do PP ás alcaldías da comarca do Salnés: Marta Lucio en Meis; David Castro, Ribadumia; Gonzalo Durán, Vilanova de Arousa; Telmo Martín, Sanxenxo; Ana Granja, Vilagarcía; Suso Sueiro, Meaño; Sabela Fole, Cambados; e Pablo Leiva, O Grove.

Luis López destacou que nas semanas previas a unha campaña electoral fundamental para os concellos e para os veciños, “é importante subliñar que as eleccións municipais deciden que persoas e que proxectos van mellorar os nosos concellos e os nosos servizos, e por iso é fundamental que a cidadanía apoie persoas que ofrecen proxectos serios e de garantía para seguir mellorando a súa calidade de vida”.

Ademais, asegurou que na comarca do Salnés, son referencia os concellos gobernados polo Partido Popular. “É un feito que está á vista de todos. O PP sempre ofrece xestión, estabilidade e feitos, fronte a outros que se centran máis na palabrería e na propaganda que en aportar solucións serias e eficaces”, dixo. E por iso amosouse convencido de que a partir de maio “Meis volverá a confiar de xeito maioritario no PP para que un goberno liderado por Marta Lucio avance”.

Uns resultados que agarda que tamén se trasladen a outros concellos da provincia e da comarca, “o PP terá moitas alegrías en moitos concellos desta provincia, tamén desta comarca, e poderemos traballar para devolver esa confianza dos veciños en compromisos, proxectos e cohesión para todos, independentemente da súa ideoloxía política”.

Con respecto ao PP do Salnés, recordou que concorren ás eleccións municipais cunha importante renovación, xa que só repiten Gonzalo Durán e Telmo Martín en Vilanova de Arousa e Sanxenxo, respectivamente. “Temos aos mellores candidatos que están formando grandes equipos para presentar uns proxectos á altura das necesidades de cada concello”.

Por último, Luis López enxalzou a tradición da peregrinación á Armenteira para toda comarca e incluso para o resto da provincia, a través da Ruta da Pedra e da Auga, “un valor seguro que ninguén xa cuestiona e que foi impulsado e recuperado por gobernos do Partido Popular”.