Luis López pide "traballar unidos e de xeito comprometido" durante a xunta local de Meis

O presidente do PP de Pontevedra agradeceu o traballo e a traxectoria de José Luis Pérez, adicada en pleno a "mellorar a calidade de vida e benestar dos seus veciños"
A xuntanza, durante a noite deste venres. DS
photo_camera A xuntanza, durante a noite deste venres. DS

O presidente do PP de Pontevedra, Luis López, reuniuse onte durante a noite deste venres coa xunta local do partido en Meis, dentro da rolda de encontros que está mantendo por toda a provincia. Dende alí, pediu a todos os afiliados traballar unidos e de xeito comprometido para recuperar a confianza da cidadanía en maio. "Aquí non sobra ninguén, todos somos necesarios. Os que están en primeira liña, pero tamén cada un dos nosos afiliados e simpatizantes. Sodes a forza do noso partido, o partido que sente, entende e atende as necesidades dos nosos veciños", asegurou.

Ademais, tratábase da primeira reunión do partido local despois de que o ex alcalde, José Luis Pérez, renunciase á acta de concelleiro tras 27 anos na corporación local, 20 deles como alcalde. López amosou o seu agradecemento, e o de todo o partido, "por tantos anos de traballo e dedicación, pola súa traxectoria ao fronte do PP de Meis e do concello. Toda unha vida dedicada en pleno a mellorar a calidade de vida e benestar dos seus veciños".

Tras a renuncia de Pérez, a concelleira Marta Lucio será a voceira do grupo municipal e Carlos Laíño tomará posesión como edil no vindeiro Pleno.