O CAAN dá en adopción unha media de dous animais ao día

► En catro meses, o centro dependente da Deputación deu saída a 277 cans e nese mesmo tempo recolleu 460, pero case a metade destes foron recuperados polos seus propios donos ▶ O CAAN ten en marcha un proxecto para que persoas voluntarias poidan coidar en casas de acollida a cachorros recén nacidos

 Dúas cadeliñas que pasaron polo CAAN, situado na Armenteira. DP
photo_camera Dúas cadeliñas que pasaron polo CAAN, situado na Armenteira. DP

Dende o ano 2015, o Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación leva dados en adopción máis de 4.000 animais, dos que 227 se entregaron nos últimos catro meses (dende o 1 de xaneiro ata o 30 de abril), unha cifra que deixa unha media de case dous animais adoptados ao día.

Galicia e os municipios da provincia seguen a liderar o número de adopcións, aínda que unha vintena de cans e cadelas que pasaron por este centro atoparon un novo fogar noutras comunidades do territorio estatal, a maioría en Castela e León, un dato que, como subliñou a presidenta provincial, Carmela Silva, "significa que o CAAN é unha gran referencia como centro de acollida e adopcións".

En concreto, 199 dos animais adoptados quedaron en Galicia: 142 na provincia de Pontevedra, 25 en Lugo, 25 en Ourense e 6 na Coruña. O concello con máis adopcións foi Vigo (24), seguido de Pontevedra (20) e de Meis, Nigrán e Redondela (con 8 cada un) e os seguintes postos do ranking foron para Sanxenxo, Ribadumia, Cambados, A Estrada, Lalín e Poio. 

Entre os que saíron das fronteiras galegas, 14 foron para Castela e León, seis para Castela-A Mancha, catro para Cataluña, dous para Asturias e un para Madrid.
Fronte á boa noticia das adopcións, a "cara escura", como lamentou Silva, foi o número de animais que tiveron que ser rescatados polo CAAN, 460 desde o 1 de xaneiro, aínda que non todos foron cans abandonados. Case a metade estaban perdidos e puideron ser recuperados polos e polas súas propietarias, ben no lugar onde se produciu o aviso (147) ou ben no propio centro (74). 

Aínda así, seguen producíndose lamentables episodios de abandono e maltrato, o máis recente a pasada semana, na que o CAAN rescatou a tres cachorros no municipio de Covelo que foran deixados nun saco de penso xunto a un colector de lixo. Un deles faleceu xa no centro, mentres que as dúas femias recollidas, dunha semana de vida, seguen evolucionando favorablemente.

Proxecto con persoas voluntarias para coidar cachorros

O CAAN puxo en marcha un proxecto de casas de acollida no que persoas voluntarias están a coidar e alimentar con biberón a cachorros recén nacidos que necesitan alimentarse con leite. Unha vez que xa poden comer penso, regresan ás instalacións da Armenteira. A primeira vez que se fixo foi en febreiro, cunha camada de seis cachorros rescatados en Meis que atoparon un novo fogar desde a propia casa de acollida.