O BNG urxe o arranxo da Casa da Cultura de Meis tralo pleno do pasado mes

Dende a formación aseguran que na actualidade é imposible realizar calquera actividade debido a que o establecemento está anegado
Casa da cultura de Meis. DS
photo_camera Estado actual da Casa da cultura de Meis. CEDIDA

Nos orzamentos de 2022 o BNG de Meis, despois de atender as peticións da veciñanza de Paradela sobre o estado da Casa da Cultura do municipio, logrou incluír unha partida orzamentaria que permitía aprobar os orzamentos coa abstención da oposición. Esta partida incluía: o pintado interno e externo, a reparación integral do tellado, a colocación dunha rampla externa para facilitar a accesibilidade, transporte e manexo do equipamento ao piso superior e o acondicionamento do exterior da casa da cultura de Paradela.

No pleno ordinario do pasado 27 de xaneiro, a formación preguntou sobre a situación actual do establecemento, pois a día de hoxe aínda non se fixo o arranxo orzamentado e coas chuvias dos últimos tempos a casa da cultura está totalmente anegada impedindo calquera tipo de actividade coa máis mínima normalidade. 

A alcaldesa, Marta Giráldez, recoñeceu en pleno a situación da casa da cultura e comprometeuse a facer unha reparación integral comezando polo tellado e levando a cabo o pactado co BNG nos orzamentos do 2022.

Dende a oposición fican "satisfeitos" coa promesa plenaria da alcaldesa e lembran que no seu boletín de Abril do 2022 xa sacaron na portada que o arranxo integral da casa da cultura estaba nos orzamentos pois foi un acordo do BNG coa veciñanza de Paradela. Urxen esta actuación dada a situación actual da casa da cultura que impide o seu uso normal e o prexuízo que iso lle causa á veciñanza.