O BNG pide que se manteñan as actividades durante a remodelación do pavillón municipal

Fan fincapé na franxa de idade de persoas maiores, para as cales a actividade deportiva conleva grandes beneficios
Pabellón de deportes Mosteiro Meis. GOOGLE
photo_camera Pavillón municipal de Mosteiro. GOOGLE

O Pavillón Municipal de Meis atópase inmerso nunha remodelación total que durará meses. Un espazo que ata o de agora acollía diversas actividades deportivas para tódalas franxas de idade, resaltando as adicadas a persoas adultas as cales beneficiaban a estas persoas. 

O BNG pide ao Concello que estas actividades adicadas aos maiores non paren durante o proceso de remodelación, xa que beneficiaban a este grupo en tres aspectos que consideran primordiais: "unha mellora do seu estado físico e mental, a posibilidade de realizar estas actividades sen ter que desprazarse, e uns prezos asequibles para persoas con diferentes recursos".

O grupo galeguista solicita así manter o servizo necesario para todas as franxas de idade "parecéndonos imprescindíbel no caso dos nosos maiores, nomeadamente a xerontoximnasia e a actividade de pilates". Piden, polo tanto, que se manteñan as actividades que se ofertaban para esta franxa de idade, "buscando locais alternativos, de propiedade municipal ou pertencentes a asociacións ou comunidades, chegando a acordos con estas entidades no caso de ser preciso". 

Por último, piden tamén que "ademais na zona do Mosteiro se amplíen as actividades a outras parroquias do concello para ofertar un mellor servizo á comunidade ou se posibilite o transporte por medios públicos, xa que hai persoas que non posúen medios para desprazarse e tamén se verían beneficiadas deste servizo".