O BNG Meis pide solucións ante o problema de asolagamentos no lugar de Guimeráns

Solicitan que se solucione nun prazo o máis breve posible debido ao perigo que representa ▶ Rogan que a investigación sexa levada o coñecemento do pleno de Meis para poder solicitar responsabilidades polo dano ocasionado
Situación do asolagamento no lugar de Guimeráns. CEDIDA
photo_camera Situación do asolagamento no lugar de Guimeráns. CEDIDA

O BNG de Meis ven de rexistrar unha petición debido a que as actuacións de mellora do pavimento da estrada que vai dende San Salvador a Arosa provocaron uns gravísimos problemas de inundacións que dificultan o normal desenvolvemento da vida cotiá e resultan un problema de seguridade viaria. 

Estás actuacións foron feitas baixo supervisión do técnico municipal, tal e como foi narrado pola veciñanza da zona nas reunións co BNG. Dende a formación aseguran que é unánime o relato de todos os veciños e veciñas en coincidir que o técnico foi avisado, en máis dunha ocasión, que no lugar da pavimentación pasaba un desaugadoiro que levaba a auga por debaixo da vía até os campos situados debaixo. Nunha destas ocasións, comentáronlle ao técnico, en presencia da alcaldesa, que non se podía cegar o desaugadoiro porque a estrada ía ficar inundada. A resposta do técnico foi, segundo comentan os veciños, unha falta de respecto cara a eles incidindo na súa capacidade de técnico fronte a ignorancia veciñal.

Dende o BNG indican que "a zona sempre tivo problemas no inverno e vai a agravarse moitísimo máis, despois da actuación realizada, en canto cheguen as choivas, pois a pasada semana choveu insignificantemente na zona e o BNG foi avisado pola veciñanza para que veramos cal era o estado da vía e o tremendo charco que se formaba na estrada de san Salvador-Arosa".  "Puidemos comprobar que a estrada estaba case intransitábel e que os veciños apenas podían cruzar a estrada para, por exemplo, tirar o lixo", coomenta o portavoz do grupo, Xoán Manuel Vázquez Sevillano. 

A formación quedou coa veciñanza en pasar a información por escrito á alcaldía e en solicitar que se depuren as responsabilidades necesarias. "Dende o BNG somos moi conscientes que a alcaldía debe seguir as recomendacións dos técnicos, pero cando estas recomendacións rozan o esperpéntico e son resultado dun ordeno e mando máis que dunha decisión motivada por razóns técnicas, como así quedou demostrado, é deber do BNG defender á veciñanza de Meis e solicitar unha aclaración inmediata por parte da alcaldía de porque se realizou a obra deste xeito en contra de toda razón lóxica, porque a solución o problema vai supor o gasto duns cartos públicos e alguén ten que facerse responsábel deste gasto e asumir as súas responsabilidades", comentan.

Ante isto, solicitan que se soluciones o problema de inundacións no lugar de Guimeráns, na parroquia de San Martiño, na estrada que vai de San Salvador a Arosa no prazo máis breve posíbel debido ao perigo que representa e os problemas que carrexa á veciñanza; piden que se abra, de xeito inmediato, unha investigación para poder aclarar de quen é a responsabilidade de "semellante desfeita polo gasto que supón para o erario público"; e por último, rogan que a investigación sexa levada o coñecemento do pleno de Meis para poder, no seu caso, solicitar responsabilidades polo dano ocasionado.