Diego Rosal (BNG): "A diferenza coas candidaturas pasadas é o traballo"

O candidato nacionalista fai autocrítica en relación ás anteriores eleccións e propón un programa coa conciliación, a mobilidade ou a mellora do día a día da poboación mellor como eixos vertebradores
Diego Rosal, candidato do BNG de Meaño. DS
photo_camera Diego Rosal, candidato do BNG de Meaño. DS

Presentan a súa candidatura como a verdadeira alternativa para cambiar a política municipal... 
Certo. Creo que, a pesar da non ter representación, as expectativas son altas. Con toda a humildade, pero sobre todo polo contexto que se dá. Son cinco listas as que nos presentamos. O noso equipo si que leva tempo traballando e temos certa presencia municipal. As forzas  de sempre, sobre todo o PP e o PSOE, presentaron a lista a última hora, casi improvisando, e as outras son listas independentes. Entón, hai un contexto significativo e característico para poder entrar con forza. 

Comenta que nas pasadas eleccións o Bloque Nacionalista Galego non acadou representación no pleno. Con que valor diferenciador encaran o 28-M?
Por traballo. Se antes non tíñamos representación, e temos hai que facer un pouco de autocrítica nisto, é porque non se traballaba o suficiente. E o Bloque necesita sempre ese traballo e esa conexión, estar preto da xente e dun grupo sobre todo para traballar. E agora si que o conseguimos. Levamos dous anos co tema da sanidade e aínda sen estar na corporación, mostrando interés e constuíndo un equipo gañador. Estou convencido. 

Que liñas non estarían dispostos a cruzar á hora de negociar ou pactar con outras formacións?
Hai unhas líñas xa evidentemente marcadas. Nunca vamos pactar co PP, por suposto. Están as siglas independentes que son... o actual alcalde que se presenta agora cunha formación independente, pero hai que lembrar que foi expulsado do seu propio partido, do Partido Popular. E despois tamén está outra lista independente que, bueno, imos a dicir que é un pouco mescolanza de varias opcións, e ás veces non son claros nas súas ideas. Pero a liña vermella é o PP. 

Aspectos como a conciliación, un novo plan de mobilidade ou a mellora no día a día da poboación maior e a mocidade son chave na súa proposta electoral...
Por suposto. De feito o que máis traballo leva agora, na época de campaña, é explicar todo isto. Co meu discurso intento fiar todas estas cousas. A nosa proposta vai ser un servicio de transporte público e municipal que interconecte a todas as parroquias. E iso vai afectar directamente na economía de proximidade. Por outro lado, precisamos uns servicios públicos que funciones, xa sexa a gardería, o comedor, ou o centro de día. Porque a realidade é que empezamos os cursos escolares e sempre hai problemas, ou hai xente que se queda fora do comédor ou da gardería. Se iso funciona, seremos capaces de que haxa unha conciliación real e seremos capaces de atraer á xente moza, ou ás novas parellas que queiran facer vida aquí. Porque é a única maneira de pensar nun futuro real. Moitas veces falas de futuro, pero o que levo vendo tempo aquí, e que todo se fai a curto prazo e pensado só a catro anos. 

A inestabilidade política marcou o paradigma nestes últimos catro ano. Pode a veciñanza atopar na súa formación esa estabilidade?
Si, estou seguro diso porque é algo que quero transmitir. A xente de aquí coñeceme como unha persoa amable, tranquila, que leva moito tempo ligada á banda de música. Son mestre da Escola Municipal, levo moitos anos traballando aquí. Tamén é o que quero transmitir, e dígoo con certa humildade. Para min a política municipal ten ese valor importante, porque está sempre preto da xente, e ten que haber debate, por suposto. Cada un ten que defender as súas ideas, pero non hai que olvidarse de que somos un pobo pequeno e todos nos coñecemos, o que máis ou o que menos temos familia ou xente coñecida noutra lista electoral. Polo tanto, temos que saír do pleno e do debate sendo veciños e persoas de sempre. Se nalgún momento iso cambia, darei un paso ao carón encantado. Estou aquí para transmitir outro tipo de sensación.

Como veciño de Meaño, leva toda a súa vida vencellado ao eido cultural. Cales son as verdadeiras necesidades do municipio nesta materia?
Temos a demanda histórica, que dende que son pequeno levo escoitando, esa promesa dese famoso auditorio. Sempre o comentaron todos os candidatos que se presentaron polo Partido Popular ás elecciones a Meaño e non hai auditorio nin un espazo cultural que se aproxime á demanda que necesitamos. De certo modo, eu por ser da banda, sempre focalicei no tema do auditorio esa atención, que era algo que esixíamos. Pero agora que estou máis metido nisto, creo que a perspectiva ten que ser diferente. Hay que facer un espazo que inclúa a todos. A banda ten un local de ensaio máis adaptado ás súas necesidades, pero un espazo cultural para que todo o mundo poida desfrutalo, sexa a Asociación Penaguda, sexa o ténis de mesa, sexa o club de villar ou sexa, evidentemente, a banda, que é a agrupación cultural máis grande que pode dispoñer das instalacións. Incluso as reunións de calquera asamblea de socios, por exemplo, de Paco e Lola. Ten que adaptarse un pouco a todos.

Que lle diría a un votante de Meaño que todavía non ten claro o seu voto?
Que nós somos a alternativa real, por todo isto que acabamos de falar. Somos diferentes porque escapamos da crispación e da confrontación, e o que busca o noso equipo atopar o acordo. Entre todas e todos facer deste concello un bo lugar para vivir. Sobre todo, ser capaces de ser atractivos para a xente de fora. Porque a realidade tamén é que o embellecemento da poboación é un problema xeralizado e a nós aféctanos de maneira particular, pero temos que ser capaces de atraer xente nova, porque vivimos nun marco bo, estamos ben comunicados e somos un sitio diferente, por exemplo, aos concellos que nos rodean. Poñamos en valor iso, e presumamos de verdade por iso.