A Deputación remata a mellora da seguridade viaria na EP-9306 Cobas Padrrenda

Carmela Silva: “Estamos convertendo as infraestruturas provinciais en espazos para as persoas, cunha alta calidade construtiva e estética” ▶ Os traballos tiveron un orzamento de 537.000 € e recibiron unha subvención do IDAE superior aos 400.000 €, que permitiron financiar o 75% da actuación

Carmela Silva, Carlos Vieitez e Noemi Outeda na visita ao lugar dos traballos. DP
photo_camera Carmela Silva, Carlos Vieitez e Noemi Outeda na visita ao lugar dos traballos. DP

A contorna da Aldea de Abaixo, en Meaño, gaña en seguridade varia e mobilidade sostible grazas ás obras que a Deputación de Pontevedra realizou en colaboración co Concello na EP-9306 Cobas-Padrenda. A presidenta provincial, Carmela Silva, o alcalde, Carlos Viéitez, e a deputada provincial Noemí Outeda visitaron os traballos que supuxeron un investimento de 537.000 €, dos que a Deputación achega o 70% (376.000 €) e o concello o 30% restante (161.000 €). Os traballos recibiron o recoñecemento do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) ao modelo implantado pola Deputación nas infraestruturas, de xeito que subvenciona o 75% da actuación a través dunha achega próxima aos 402.000 €.

Carmela Silva asegurou que “a Deputación de Pontevedra está a facer un enorme esforzo para converter as estradas que pasan por espazos moi habitados en lugares seguros onde se recupera o espazo público e se priorizan as persoas”. Concretamente no caso da EP-9306, “como estamos facendo en todas as estradas provinciais en núcleos habitados, realizamos sendas peonís e lugares de convivencia, é dicir, converter as infraestruturas provinciais en espazos para as persoas cunha alta calidade construtiva e estética”. A presidenta lembrou que Cobas “é unha zona moi visitada e temos que dar a mellor imaxe do noso territorio: ter estradas con estas características facilita que sexa máis atractivo vir aquí”.

Pola súa banda, o alcalde Carlos Viéitez sinalou que “temos moita satisfacción xa que se lle está a dar un gran cambio ás infraestruturas de Meaño”, razón pola que agradeceu “enormemente” a Deputación “polo modelo dos convenios, xa que para un concello tan pequeno como o noso sería imposible facer fronte a estas obras se non fose por estes recursos”. O rexedor exemplificou a importancia desta obra coa creación da rotonda na zona de Padrenda, “o que antes era un punto continuo de accidentes”.

O proxecto desenvolveuse na totalidade da estrada, de tan só 820 metros. A vía presentaba unha calzada de ancho variable, con dous sentidos de circulación, sen determinación de carrís, beiravías nin beirarrúas. Na actualidade conta con dous carrís de 2,75 metros de ancho, unha beiravía de 50 centímetros e unha senda peonil de ancho variable que se adapta ao espazo existente, e na zona do cruceiro creouse unha pequena praza adoquinada.

No inicio da actuación, onde a EP-9306 entronca coa EP-9302 polo seu antigo trazado, creouse unha zona de convivencia dos tráficos rodado e peonil cunha plataforma elevada. No outro extremo da vía, no cruzamento coa EP-9305, a vía conta agora cunha rotonda con dous carrís de circulación, de 4 metros de ancho cada un deles, e beiravías dun metro en ambas as dúas marxes. Na rotonda tamén se instalaron iluminación con tecnoloxía LED –mediante un báculo e catro proxectores–, separadores que impiden que os vehículos invadan a senda peonil, redutores físicos de velocidades, pasos elevados para o tránsito peonil e nova sinalización horizontal e vertical.