A curtametraxe 'Rompente' faise no Festival de El Masnou co seu terceiro galardón

Unha imaxe de 'Rompente', de Eloy Domínguez Serén. DP
O filme do meañés Eloy Domínguez Serén compite esta semana en Curtas Vila do Conde, un dos eventos cinematográficos máis importantes de Europa no seu ámbito

A curtametraxe Rompente, debut na ficción do cineasta de Meaño Eloy Domínguez Serén, vén de facerse no Fascurt, o festival de curtametraxes de El Masnou (Barcelona), co seu terceiro galardón. Con anterioridade xa recibira o premio á mellor curta no Festival de Málaga e no de Cans (O Porriño). 

A maiores, Rompente compite esta semana nun dos eventos cinematográficos máis importantes de Europa no seu ámbito, o Curtas Vila do Conde (Portugal).

Producida por Zeitun Films, a curta gravouse en diferentes localidades do Barbanza en novembro de 2020 e estreouse en Málaga. Para a maioría dos personaxes do filme, Domínguez Serén, que ata o momento só traballara no ámbito do cine documental, contou con persoas sen experiencia previa na interpretación, "xente daquela zona, sobre todo de Cabo de Cruz". 

Os mesmos protagonistas, Sergio Baleirón e Soraya Luaces, son dous mozos da costa coruñesa que o cineasta de Simes escolleu especificamente para interpretar os seus papeis. De feito, Baleirón é bateeiro na vida real, o que lle permitiu ao realizador achegarse ao exercicio da súa profesión dun xeito case documental.

O filme conta como transcorren tres días na vida de Santi e Lucía, dous mozos da costa coruñesa, que non chegan aos 20 anos e teñen un bebé xuntos.