Comeza a segunda fase de ampliación do vial A Pedreira-O Barreiro-Picón

Este tramo de acceso ao polígono industrial quedará cun ancho de plataforma de 8 metros e con canalización de pluviais, segundo indica Carlos Viéitez, alcalde de Meaño
O alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, visitando as obras do vial A Pedreira. DS
photo_camera O alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, visitando as obras do vial. DS

As obras de ampliación dun novo tramo do vial que une os lugares de A Pedreira, O Barreiro e Picón, na parroquia de Xil, co polígono industrial, deron comezo estes días e consistirán na ampliación do firme ata un ancho de 8 metros e na pavimentación con asfaltado en quente dun tramo de 317 metros lineais ata o entronque coa estrada provincial EP-9302.

A actuación enmárcase no compromiso do grupo de goberno de mellorar as conexións co polígono industrial, un obxectivo que o equipo de Carlos Viéitez ven executando en varias fases e que nesta segunda contará cun orzamento de 178.230 euros e un prazo de execución de 3 meses.

O vial está actualmente pavimentado con aglomerado pero nun avanzado estado de deterioro e en varias zonas o ancho é escaso para o paso de dous vehículos polo que a solución a aplicar pasa polo ensanche cara as dúas marxes ata conseguir unha plataforma de 8 metros.

Construiranse muros de contención con mampostería de pedra para soportar o terreo nas fincas que están a unha rasante superior a do vial e para soporte do propio vial nas zonas onde as fincas están en plano inferior á pista. En total construiranse 468,30 metros cadrados deste tipo de muros. Previamente o proxecto recolle a definición das entradas das fincas cos propietarios para a realización das ramplas de acceso, unha actuación que afectará a 75 metros cadrados. Tamén se mellorará a rede de pluviais mediante a escavación das cunetas proxectadas para formigonalas posteriormente cun total de 460 metros de canalizacións de 0,80 metros de ancho.

Trátase dun vial que soporta unha alta densidade de vehículos ao canalizar o tráfico en dirección ao polígono industrial polo que Carlos Viéitez considera unha prioridade a execución desta segunda fase. “Esta obra dalle continuidade a un primeiro tramo que xa está executado e que mellorará moito a calidade da conducción para os usuarios desta estrada. Era un dos nosos compromisos, a posta a punto desta rede viaria, e estamos cumplindo”, explica.