O CEIP As Covas estrea o seu servizo de comedor escolar

Os traballos de acondicionamento do local consistiron na implantación de luminarias, a instalación de auga e electricidade, a mellora do solo e a subministración do material necesario para este fin
CEIP As Covas. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera CEIP As Covas. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O alumnado do CEIP As Covas, afincado no concello de Meaño, gozará dende este mediodía, a partir das 14:20 horas, da nova prestación de comedor escolar, unha iniciativa demandada polas familias da localidade e o equipo directivo para facilitar a conciliación laboral e familiar.

Co obxectivo de incluir este servizo na oferta do centro educativo, nos pasados meses leváronse a cabo diversas labores de reforma e acondicionamento nun dos locais da escola.

Os traballos centráronse na colocación de luminarias, a instalación de auga e electricidade, a mellora do solo e a subministración do material necesario para desempeñar esta función como o mesado e o vertedoiro.