Ricardo Torres, o amo de Silgar

O xogador do ABP da Laracha impúxose na I Copa Xunta de Galicia que se celebrou no areal urbano de Sanxenxo ▶A competición disputouse baixo formato individual coa participación de 16 palanadores, oito de cada Conferencia
Competición de billarda en Silgar. CEDIDA
photo_camera Competición de billarda en Silgar. CEDIDA

A billarda vai subindo chanzos cara á normalización. A disputa do I Copa Xunta de Galicia da modalidade é outro paso máis para o crecemento e a popularización do deporte.

A praia de Silgar foi o escenario peculiar no que se levou a cabo a primeira edición do torneo, que atraeu a algúns curiosos que pudieron estar en contacto coa actividade, retransmitida pola segunda canle da Televisión de Galicia.

O triunfo correspondeu a Ricardo Torres, do ABP da Laracha, que superou os especialistas do Sur e vingou as últimas derrotas que sufriron os septentrionais nos duelos recentes coas Rías Baixas.

O certame foi un espectáculo condicionado por elementos non sempre presentes na disputa dos partidos de liga: á dificultade de facer saltar a billarda nun chan de area, uníuse a brisa mariña de Silgar, que lle achegou máis incomodidade e precisión ao xogo de mans dos mestres palanadores.

Dezaseis competidores, oito de cada unha das dúas conferencias, Rías Baixas e Noroeste, tomaron parte no certame. Oito homes, catro mulleres e catro infantís participaron no campionato.

Houbo representación de deportistas de catro equipos de billarda das Rías Baixas: Rícar e Bego Ríos de Corredoiras Bueu; Piru, María Caride e Álvaro de Gharaboto de Marín; Tania de Valpaços Terra Quente de Vigo, e Xián e Xan Rodiño de Lúa de Forza Sanxenxo. De parte do Noroeste houbo deportistas doutros catro equipos: Ricardo Torres, Kevin, Collazo e Roy de APB A Laracha; Juan Carlos de Campo da Feira de Paiosaco; Silvia de Cochiqueiros de Cerceda, e Gándara e Valentín de Filloas de Sangue da Coruña.

Competición de billarda en Silgar. CEDIDA
Imagen de la competición de billarda celebrada en Silgar. CEDIDA

O sistema competición organizouse con catro grupos de catro xogadores. Cada grupo xogou tres carreiras a tres golpes: o palanador que sumase máis puntos de cada grupo proclamaríase campión do mesmo e pasaría a disputar a final absoluta contra os seus homónimos dos outros grupos.

Malia as dificultades do terreo, rexistráronse golpes magníficos no medio de máis dunha pifia.

Finalmente, no grupo 1 só Ricardo conseguiu 2 puntos, mentres que Valentín, Tania e María Caride non tiveron o seu día e remataron co marcador a cero.

No grupo 2, Piru fixo dous puntos, por un de Ricar, e cadanseu 0 de Bego e Kevin. No grupo 3, Collazo, Juan Carlos, Gándara e Álvaro igualaron a un. No desempate, gañou Collazo. No grupo 4, Xan Rodiño fixo 4 puntos, e non tivo oposición en Silvia, Xián e Roy.

A final decidiuse nun golpe de desempate despois de que ninguén chegase ao varal na carreira. Finalmente foi campión Ricardo Torres, en segundo lugar rematou Xan Rodiño e terceiro foi Collazo.