A Epic Race percorrerá varios montes da comarca

A Deputación de Pontevedra colabora coa proba, que se celebrará os días 10 e 11 de xuño
Los alcaldes de Meaño, Meis y Cambados en la presentación de la Epic Race Pontevedra. DS
photo_camera Los alcaldes de Meaño, Meis y Cambados en la presentación de la Epic Race Pontevedra. DS

O Pazo provincial da Deputación acolleu este luns a presentación da sétima edición da Epic Race Pontevedra, a proba de aventura de mountain bike que este ano desafiará as persoas participantes a percorrer un total de ata 300 km de montes da provincia durante esta fin de semana, os días 10 e 11 de xuño. Esta proba de ultrarresistencia sobre bicicleta todoterreo, a máis prestixiosa de Galicia na súa modalidade, está incluída no programa de patrocinios de eventos deportivos singulares da institución provincial, Depo Promo, onde acadou unha axuda de 12.000 €. Á presentación asistiron o deputado e a deputada en funcións Gorka Gómez e Ana Laura Iglesias, o director técnico de Global DXT, Josevi Cimadevila, e os alcaldes e alcaldesas en funcións de Meaño (Carlos Viéitez), Cambados (Samuel Lago) e Meis (Marta Giráldez), así como os concelleiros de deportes en funcións de Pontevedra (Tino Fernández) e Caldas (Jacobo Pérez).

Gorka Gómez salientou que a Epic Race Pontevedra “representa o que debe ser unha institución que achega o deporte a toda a provincia froito da colaboración cos concellos e establecendo sinerxías que son fundamentais”. Ademais, tamén destacou que a competición, “que se converteu nun referente, é unha proba moi dura e que representa os valores do deporte e do turismo deportivo”. Grazas ao vínculo entre deporte e turismo, asegurou, “facemos posible que as persoas que se acheguen á nosa provincia vivan unha experiencia completa”. Pola súa banda, o responsable da Epic Race Pontevedra, Josevi Cimadevila, agradeceu o apoio da Deputación a esta proba, “da que só hai outras dúas iguais en toda a península”. Deste xeito, a colaboración coa institución provincial “permítenos irmandar todos os concellos participantes” e converter a provincia “nun destino turístico e deportivo, porque hai puntos da Epic Race que só se poden coñecer na bicicleta”.

A Epic Race Pontevedra divídese en dúas modalidades de gran distancia, unha de 300 km e outra de 200 km e cun límite de 28 horas para completala. Están compostas de sete e cinco etapas, respectivamente, de arredor de 40 km e entre hora e media e dúas horas de duración (aproximadamente) cada unha. As catro primeiras, comúns en ambas as dúas modalidades, son as de Pontevedra-Redondela, Redondela-A Fracha, A Fracha-Meaño e Meaño-Cambados. Despois, a Epic Race de 300 km complétase coas etapas Cambados-Meis, Meis-Caldas e Caldas-Pontevedra, mentres que a Epic Race 200 km remata cunha quinta etapa Cambados-Pontevedra.

Trátase dun percorrido moi diferente ao de anteriores edicións da Epic Race Pontevedra, que precisamente busca cada ano renovar o seu trazado, polo que as persoas participantes non percibirán a sensación de tela completado anteriormente. Nesta sétima edición están implicadas máis de 100 comunidades de montes e mestúrase “o sabor do monte” co “sabor da costa”, coa incorporación de concellos que non participaran aínda nas edicións anteriores.

Tralo peche das inscricións, na Epic Race Pontevedra participarán máis de 200 persoas procedentes de todo o territorio peninsular, de Galicia, España e Portugal, de maneira individual ou en equipos de dúas e tres persoas (neste último caso só na modalidade de 300 km). Trátase dunha competición guiada por GPS e con tráfico aberto, que transcorrerá por núcleos moi poboados, polo que as persoas participantes deberán ter en conta e respectar os sinais. En canto á entrega de trofeos, a Epic Race Pontevedra estará dividida nas seguintes categorías: individual masculino e feminino, parellas masculinas, femininas e mixta, e equipos de tres masculinos, femininos e mixtos.