Fontecarmoa acolle o Campionato Galego de Atletismo Adaptado

O Club Polideportivo Educación Especial de Vilagarcía e Con Eles acoden con 28 deportistas, e o Centro Ocupacional de Saiar con outros 17, na cita que terá lugar este mércores, día 10
Campeonato Gallego de Campo a Través Adaptado. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Imaxe do Campionato Galego de Campo a Través Adaptado. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Vilagarcía volve a converterse mañá na sede galega do deporte adaptado e exemplo de inclusión social coa celebración do Campionato Galego de Atletismo Adaptado. Máis de 200 deportistas chegados de diferentes lugares de Galicia daranse cita nas pistas de atletismo do complexo multideportivo de Fontecarmoa para participar nas probas que se desenvolverán durante toda a mañá. Un total de 18 clubs participan na competición que comezará ás 11 da mañá e rematará sobre ás dúas e media da tarde.

A representación vilagarciá co Campionato Galego será importante xa que a delegación do Club Polideportivo Educación Especial, que conta con deportistas da Asociación Con Eles, intégrana 28 persoas. A estes sumase os 17 deportistas que traslada o Centro Ocupacional de Saiar.

En total serán 239 persoas, entre deportistas e os voluntarios das asociacións participantes, as persoas que interveñan neste evento deportivo organizado pola Federación Galega de Deporte Adaptado coa colaboración da Fundación de Deportes do Concello de Vilagarcía.

As probas se realizarán nas modalidades de competición e de xogo, adaptadas convenientemente á diversidade funcional de cada deportista . Así, haberá probas de lanzamento de peso, salto de lonxitude, lanzamento de xabalina (só na modalidade de competición) e carreiras nas distancias de 60m, 100m, 150m, 300m, 400m, 800m, 1.500m e 3.000m.

Más en Deportes