Arranca o Clinic Vilagarcía 2023 de Baloncesto, que contará coa presenza de Pablo Laso

O Centro Integrado de Formación Profesional, que acolle este curso, ofrece os ciclo formativos de grao medio e superior na súa oferta regrada
Primeira xornada do Clínic Vilagarcía 2023 de Baloncesto. DS
photo_camera Primeira xornada do Clínic Vilagarcía 2023 de Baloncesto. DS

O Centro Integrado de Formación Profesional Fontecarmoa é a sede dun novo Clinic Vilagarcía de baloncesto, que chega xa a súa edición número 14. Máis de 200 persoas están implicadas na súa celebración, que conta coa presenza de docentes como Pablo Laso, ex adestrador do Real Madrid onde ostenta o récord de partidos dirixidos, ou Gipuzkoa Basket; Javi Torralba, cunha extensa carreira en Catalunya; Toni Carrillo, tamén experto en baloncesto de formación; Juan Norat, quen pasou, entre outros, polo Baloncesto Torrelodones; Pablo Alonso, preparador físico do AMFIV de Vigo e ex alumno do Fontecarmoa; ou Iria Uxía Romarís, adestradora axudante no COB Ourense e que tamén deu aulas no centro de estudos arousán.

O pavillón e o salón de actos de actos do CIFP son as instalacións utilizadas para este curso que comezou este xoves e continuará con sesións a cargo de Pablo Alonso e Iria Uxía. O Clinic Vilagarcía seguirá o venres 16, pola tarde, e o sábado 17 de xuño, durante toda a xornada. Na tarde do venres, Laso abordará as transicións ofensivas: e Javi Torralba, o uso dos mans a mans no baloncesto de formación.

Xa na mañá do sábado, Toni Carrillo achegarase ao adestramento baseado en evidencias científicas e Pablo Laso a como se desenvolve un base. Por último, e xa pola tarde, Torralba encarará como pasar con intención e Juan Norat, como mellorar a defensa coa lectura individual sobre o colectivo.

Apunta Iván Villar, organizador deste evento, que están apuntados para a súa asistencia 46 profesores de distintas ramas da educación física pero que tamén acoden para afondar nos seus coñecementos alumnos e ex alumnos dos ciclos, adestradores de formación de distintas partes de Galicia e interesados en xeral no mundo da canastra.

A asistencia de Pablo Laso perseguiuse durante anos pero a recorrente presenza do técnico en finais de competicións facíao imposible ata esta edición, na que se puido concretar. Deste xeito, o vitoriano sumarase a outros nomes que xa pasaron por Vilagarcía da categoría de Aíto García Reneses, Xavi Pascual, Pedro Calles, Carles Durán, Pedro Martínez, Luis Casimiro, Txus Vidorreta, Moncho Fernández ou Jaume Ponsarnau.

Porén, e xunto aos adestradores de entidades máis profesionais, o Clinic Vilagarcía tamén presta moita atención ao baloncesto e os clubs de formación e, así, Torralba, Carrillo, Norat, Alonso e Iria Uxía Romarís suceden a Pau del Tío, Pablo Borrás ou Óscar de Paula.

Ensinanzas de baloncesto no CIFP Fontecarmoa

Xa está aberta a inscrición para os Graos Medios e Superior de Técnico Deportivo de Baloncesto do curso 23-24 no CIFP Fontecarmoa, coa novidade da opción de que se poderá cursar o bloque común a distancia, unha oportunidade especialmente valiosa para quen ten máis problemas para desprazarse. O Superior recupérase para este novo ano académico, e volverá ser o único deste tipo da oferta pública de ensinanzas deportivas.

Os proxectos Erasmus+ do CIFP Fontecarmoa ofrecerán posibles destinos de prácticas en clubs estranxeiros de primeiro nivel aos seus estudantes. Alemaña, Portugal, Italia, Lituania ou Grecia xa recibiron alumnado galego en diferentes cursos.

O Centro Integrado de Formación Profesional Fontecarmoa centraliza dende este curso 2022-23 a meirande parte da oferta da Formación Profesional en Vilagarcía de Arousa; nel pódense seguir estudos das familias: Actividades Físicas e Deportivas; Comercio e Márketing; Electricidade e Electrónica; Industrias Alimentarias; Instalación e Mantemento; Sanidade e Servizos Socioculturais; e Transporte e Mantemento de Vehículos.

Ademais, nel é posible cursar a FP Dual e máis os ciclos deportivos de vela e baloncesto dentro do réxime especial. Actualmente, arredor de 600 alumnas e alumnos seguen as súas ensinanzas de xeito presencial e a distancia

Más en Deportes