O Parque Nacional das Illas Atlánticas oferta este verán 350 rutas guiadas

Conta con case 4.000 prazas para poder visitar as catro illas. Cíes e as Ons terán rutas todos os días, mentres que para Sálvora e Cortegada a oferta é máis limitada

Generated by  IJG JPEG Library
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Generated by IJG JPEG Library Generated by IJG JPEG Library

O Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia oferta este verán 350 rutas guiadas para coñecer a natureza e a historia deste espazo natural. Serán preto de 4.000 prazas. Estes itinerarios serán gratuítos, aínda que os visitantes deberán facerse cargo dos custes de transporte ás illas.

Para visitar as illas Cíes e Ons haberá rutas todos os días durante os meses de xullo e agosto. Os interesados en visitar estas dúas illas poderán apuntarse persoalmente nas casetas de información no propio día do percorrido ata cubrir as prazas. Tamén se poderá reservar a visita a través da central de reservas, onde se ofertan 250 prazas para as rutas ofrecidas os xoves ás 12 horas no caso das Cíes, e os mércores á mesma hora nas Ons. A solicitude deberá realizarse ata 24 horas antes do comezo da ruta.

Illa de Ons. Parque Nacional das Illas Atlánticas. D.S.
Illa de Ons. Parque Nacional das Illas Atlánticas. D.S.

Reservar unha praza para percorrer as illas de Sálvora e Cortegada só se poderá facer de xeito telemático. En Cortegada ofrécense visitas os domingos 10 e 24 de xullo e tamén o 7 e 21 de agosto. En Sálvora as rutas serán os luns, sendo estes o 1 e 22 de agosto, saíndo desde Boiro, o 11 de xullo e 29 de agosto saíndo desde Vilagarcía e por último desde Aguiño o 25 de xullo. Estas rutas organizaranse en grupos de once persoas, cun total de 121 prazas dispoñibles. Poderá facerse a reserva ata o xoves anterior á ruta.

Para poder visitar Cíes e Ons cada persoa deberá facerse cargo de obter a autorización necesaria e o billete de transporte, para despois atoparse co guía na propia illa. Nos casos de Sálvora e Cortegada, que só se poden visitar en compañía dun guía, o propio parque organiza a viaxe e contrata o transporte. Unha vez feita a reserva, o visitante deberá abonar o custe do billete á Navieira seguindo as indicacións que lle proporciona o Parque.

Barco ás illas Ons. D.S.
Barco ás illas Ons. D.S.

A temática destas rutas é variada, recollendo desde aspectos naturais ata culturais e histórico-etnográficos. En todas as illas do Parque pódense realizar 10 itinerarios sinalizados, que contan con folletos explicativos tanto na web como nas casetas de información.

Este programa de rutas de verán do Parque Nacional naceu no ano 2004, ofertando nun principio visitas guiadas ás Cíes e ás Ons, e ampliando a actividade a partir do
verán de 2017 tamén aos arquipélagos de Sálvora e Cortegada.