As catro Galiñas azuis do Salnés comezarán o curso escolar cunha folga

A Sección Sindical da CNT no Consorcio endurece as medidas de cara a setembro e anuncia unha folga evitable
Galiña azul Os Anxos, en Carril. DS
photo_camera Galiña azul Os Anxos, en Carril. DS

Os e as traballadoras do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar anuncian un inicio de curso complicado para as familias usuarias dos servizos de coidados xestionados pola Xunta. Dende a Sección Sindical da CNT no Consorcio sinalan a Perfecto Rodríguez Muíños, xerente do servizo, como máximo responsable de desbloquear unha situación que afecta a máis de 1.500 prazas e a máis de 15.000 familias.

A folga, convocada para o día 5 de setembro terá unha duración de 15 días ao mes durante tres meses, e se convoca en xornadas de 24 horas comezando ás 00:00 do luns día 5 de setembro e ata o venres 16. Continuará en outubro, do luns 3 ao venres 14, en novembro do luns 2 ao venres 11 e en decembro do 12 ao venres 23. Estarán afectadas as Galiñas Azuis de Vilagarcía (Rúa dos Anxos e rúa Miramar), O Grove e a Illa.

Uns dos grandes afectados serán os períodos de adaptación das galiñas azuis, uns 2.800 nenos e nenas que acudirían por primeiro ano á escola verán este período tan necesario fortemente minguado. Nunha información interna, os e as traballadoras recoñecen non querer facer unha folga tan prexudicial para as persoas máis vulnerables, pero "non vemos outra saída para que dende os despachos escoiten as nosas reclamacións".

Entre os motivos que enumeran dende a Sección Sindical da CNT no Consorcio para endurecer as protestas está que o xerente non solicitara a Función Pública a convocatoria dun proceso selectivo propio, e que desatenda as súas funcións declarándose incompetente para negociar cando é o único que pode resolver o tema da temporalidade do persoal, como están facendo as xerencias doutros entes instrumentais.

Ademais, informan ao Señor Perfecto Rodríguez Muíños de que é o único que pode parar esta folga cumprindo unha serie de reclamacións do persoal: garantía dunha convocatoria única e específica, a garantía de oposición non eliminatoria, que se contabilice formación impartida polo propio Consorcio, a retirada do concurso de traslados e baremación xusta na que a experiencia contabilice o 90% e que se contabilice a antigüidade no Consorcio o triplo que en calquera outra administración.