A Xunta renovará sete sistemas de anestesia nos bloques cirúrxicos dos hospitais da área sanitaria

Estes novos equipos mellorarán a tecnoloxía incorporando baixos fluxos de gases anestésicos, máis beneficiosos para a saúde e para o medio ambiente
Hospital Salnés Vilagarcía. SAMUEL CARDALDA
photo_camera Hospital Salnés Vilagarcía. SAMUEL CARDALDA

A Xunta de Galicia renovará un total de sete sistemas de anestesia nos bloques cirúrxicos dos hospitais da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, tras o acordo do Goberno galego durante a reunión do Consello de onte, que autorizou o proxecto de acordo para a contratación da subministración de sistemas de anestesia para os hospitais do Servizo Galego de Saúde. A Administración galega -no marco do eixe REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020- investirá un total de 5.336.100 euros na compra autonómica de unidades de sistemas de anestesia. 

Estes sete novos equipos para a Área Sanitaria incorporarán, entre outras tecnoloxías, o uso de baixos fluxos de gases anestésicos, máis beneficiosos para a saúde pois permiten unha mellora na temperatura corporal. Este contrato permitirá renovar o equipamento existente e incorporar a tecnoloxía necesaria para mellorar a calidade de vida dos pacientes de Pontevedra e O Salnés, a seguridade dos procedementos cirúrxicos e que contribúa á redución de emisións de gran impacto ambiental.

Renovación do equipamento sanitario

Con esta contratación de sete sistemas de anestesia nos bloques cirúrxicos dos hospitais da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, a Xunta continúa coa renovación de sistemas de anestesia iniciada en 2016 nos hospitais galegos, unha renovación que tivo continuación en 2018 e 2019 e que segue no ano 2022. Esta nova licitación forma parte tamén do proceso de renovación do equipamento sanitario emprendido nesta lexislatura e ao que a Xunta de Galicia destinou 60 millóns de euros nos Orzamentos de 2021, e máis de 90 nos Orzamentos do vixente ano 2022.

En particular, respecto ás modernizacións dos bloques cirúrxicos, o Executivo galego investiu máis de 4’3 millóns de euros na adquisición de 37 novos equipos radiocirúrxicos e sete sistemas cirúrxicos robotizados Da Vinci, por un importe de 20,5 millóns de euros para as sete áreas sanitarias. Todos eles xa están instalados e en funcionamento. Ademais, ven de adxudicar outro contrato por 1,4 millóns de euros para renovar un total de 97 lámpadas cirúrxicas no conxunto de hospitais públicos do Servizo Galego de Saúde, algunhas das cales xa están instaladas.

Finalmente, atópase en fase de axudicación un contrato por valor de 3 millóns de euros licitado en maio deste ano para substituír máis de 50 mesas cirúrxicas dos hospitais galegos que contan con máis de 15 anos de antigüidade.