Seis confrarías do Salnés beneficiaránse das achegas da Deputación

A institución provincial destina a estas axudas, que teñen como obxectivo o apoio e aposta polo sector primario, un investimento de preto de 250.000€
Depo achgegas confrarías. DP
photo_camera Depo achgegas confrarías. DP

O Goberno da Deputación vén de dar luz verde ás subvencións dirixidas ás confrarías da provincia como aposta polo sector primario e nas que a institución inviste un orzamento de case 250.000 euros. Estas achegas beneficiarán neste 2022 a 19 confrarías de 17 concellos, en concreto radicadas en Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela, Sanxenxo, Soutomaior, Vigo, Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova de Arousa. Entre outras cuestións, as entidades destinarán estas axudas á adquisición de vehículos, material informático, distintos equipamentos necesarios para a súa actividade e investimentos para aforro enerxético ou videovixilancia. 

Na comarca do Salnés recibirán achegas seis entidades. A Confraría San Antonio de Cambados financiará equipos para lonxa, confraría e vixilancia, mentres que no Grove, a Confraría San Martín a posta en marcha dun sistema de videovixilancia, compra de ordenadores e cámaras frigoríficas e a Confraría San Xulián da Illa de Arousa para adquisición de ordenadores. Por outra banda, en Sanxenxo, a Confraría San Roque de Portonovo destinará a achega á adquisición de ordenadores e periféricos, reparación de portais e outras; en Vilagarcía, a Confraría Virgen del Rosario de Vilaxoán a adquisición dun vehículo e, en Vilanova, a Confraría de Pescadores La Pastoriza a financiar a compra dun vehículo, material de vixilancia e outros equipos.

A Deputación facilita con estas achegas que estas entidades poidan afrontar cuestións como a comercialización e a valoración de producións; o desenvolvemento de accións de formación técnica entre as súas persoas asociadas; o uso das novas tecnoloxías e das enerxías renovables e o aforro enerxético así como a súa divulgación ou a adquisición de material para a vixilancia. Amais, tamén poden costear investimentos para a mellora dos servizos, en construcións, equipos, elementos de transporte, instalacións, reparacións e mantemento dos locais e as lonxas. E tamén contemplan o financiamento de equipamentos e sistemas informáticos, mobiliario e outros investimentos que sirvan para mellorar os servizos que prestan estas entidades. Nas bases puntúase, entre outras cuestións, a porcentaxe de mulleres que integran os órganos reitores das entidades solicitantes ou os investimentos en proxectos innovadores.